O BNG pregunta à xunta pola previsión de comarcalización do parque de bombeiros de Ferrol
Ferrol 22 de xuño de 2013. O Bloque Nacionalista Galego ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galiza na que se interesan polo proceso de comarcalización do parque de bombeiros de Ferrol así como por coñecer se este proceso vai contar co apoio da Xunta de Galiza en que medida se vai implicar a administración Galega.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que a comarcalización do servizo de bombeiros é fundamental para o Concello de Ferrol e os do resto da comarca, xa que se trata de asegurar un servizo estábel e mellorado ademais de garantir o mantemento dos postos de traballo no parque local. E lembrou que seguen sen concretarse os compromisos adquiridos polo alcalde da cidade, Rey Varela, para a consecución da demandada comarcalización.
O BNG lembra que segundo informou publicamente o Goberno Municipal de Ferrol existía o compromiso de asinar un convenio co Consorcio Provincial contra Incendios (integrado pola Xunta e Deputación) para atender o ámbito xeográfico do que hoxe é a Mancomunidade, e cuxo importe sería dunha cantidade aproximada de 250.000 euros, fundamentais para mellorar o financiamento e as condicións de traballo do parque de bombeiros de Ferrol.
Na iniciativa parlamentar o BNG se interesa por coñecer se existe realmente vontade política dentro do Consorcio Provincial contra Incendios para asinar o convenio publicitado polo goberno local de Ferrol para a comarcalización do parque e cal é a partida orzamentaria que ten reservada a Xunta de Galiza para esta finalidade.
O BNG indica, na súa iniciativa, que na actualidade e logo deste anuncio, que aínda non se efectivizou, veñen de ser asinados os convenios para a posta en marcha dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) un acordo que segundo informou a Xunta de Galiza ven a completar a redefinición do mapa de emerxencias galego. Cabe lembrar que as sedes de dous destes grupos están na área de influencia de Ferrol, como son o de Ortigueira e Mugardos.