O BNG pídelle contas a Mato pola discriminación de Ferrol nos Orzamentos do Estado
Ferrol 2 de decembro de 2020. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG de Ferrol, acusou esta mañá ao alcalde da cidade, Angel Mato, de permanecer calado e de non facer nada fronte ao maltrato que padece a nosa cidade nos orzamentos xerais do estado. A actitude e silencio cómplice de Angel Mato o invalidan para poñerse á fronte de calquera reivindicación social das que neste momento temos na nosa cidade.
Para Iván Rivas, Angel Mato non exerceu como alcalde desta cidade senón como un militante disciplinado do PSOE namentres o goberno central decidia non investir un só euro na transformación e modernización de Navantia, na rexeneracion da ría de Ferrol, as conexións ferroviarias ou en habilitar unha partida para compensar á cidade de Ferrol pola ocupación de terreos de Defensa.
Por estes motivos o BNG defenderá na sesión plenaria de mañá unha moción que busca un debate político sobre o comportamento do goberno central do PSOE e Unidas Podemos reflectido a través dos Orzamentos Xerais do Estado para coa nosa cidade e buscaba o compromiso dos grupos municipais da cidade para incluir nos Orzamentos do Estado para o vindeiro partidas específicas de investimentos para a nosa da cidade.
O BNG defende que se contemple unha partida de 100 millóns de euros para a transformación de Navantia nun complexo industrial integral que teña a capacidade de actuar no ámbito da construción naval civil. Unha partida imprescindíbel para a modernización dos estaleiros que paralelamente debería levar asociada unha actuación tendente a inserir os estaleiros de Navantia no mercado mundial da construción naval civil.
Iván Rivas pediulle contas a Angel Mato das nulas xestións que fixo ao longo de todo este tempo para que a nosa cidade contase con máis partidas OXE.
A iniciativa do BNG insta, tamén, aos grupos con representación no Congreso dos Deputados a asumir tamén o compromiso de apoiar esta iniciativa en Madrid xa que se non continuariamos perpetuando o engano da dobre linguaxe dos partidos e alcaldes que din defender unha cousa aquí e outra en Madrid e insistiu en lembra que Navantia é unha empresa publica que se financia con fondos públicos, dependente do estado, e que conta a dirección da mesma depende directamente do goberno central.
O BNG ademais dos 100 millóns de euros para para a transformación de Navantia nun complexo industrial integral da construción naval, inclúe na súa iniciativa a partida de 1 millón en concepto de compensación á cidade de Ferrol pola ocupación de terreos de Defensa que pese a ser aprobada por unanimidade no pasado pleno municipal, ningun grupo, agás o BNG, defendeu esta proposta no Congreso.
Outras propostas son: 20 millóns de euros para iniciar os traballos de modernización da liña de ferrocarril Ferrol-A Coruña; 10 millóns de euros para a mellora e modernización da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo; 1 millón de euros para o proxecto de limpeza, rexeneración e eliminación de barreiras da ría de Ferrol; 1 millón de euros para o proxecto de transformación do sistema de saneamento de Ferrol nunha rede separativa.