O BNG lamenta que o goberno local desestimara as súas alegacións ao Plan de reparcelación do Sánchez Aguilera
Ferrol 9 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol lamenta a decisión do goberno local de desestimar as alegacións propostas polo BNG ao proxecto de reparcelación do Sánchez Aguilera co obxecto de transformar ese espazo central da cidade nun grande pulmón verde na procura dunha cidade sustentábel.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afirmou que a proposta do BNG busca reorientar a concepción do urbanismo na cidade, pasando do modelo desarrollista até agora vixente para transformalo nun modelo de urbanismo sustentábel.
Iván Rivas destaca a viabilidade da proposta nacionalista mediante a desvinculación destes terreos do convenio con defensa e así poder converter esas case 10 hectáreas na maior zona verde urbana da cidade sendo o obxectivo do BNG mellorar a calidade medioambiental de Ferrol.
Así mesmo para o BNG a decisión do goberno municipal de desestimar as alegacións presentadas pola nosa organización está condicionada por un convenio que fixa o pago en metálico por terreos públicos e en aproveitamento para permitir a construción de 460 vivendas e un centro comercial de 24.000 m2.