O BNG pide explicacións ao alcalde pola situación dos terreos propiedade da Autoridade Portuaria
Espazos como o campo de fútbol da Malata que non se contemplaba a posibilidade da súa cesión a terceiros, neste caso ao Racing de Ferrol, pese a estar pagando polo seu uso ao ente portuario.
Ferrol 15 de febreiro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol exixe ao alcalde da cidade, Angel Mato, que explique os motivos polos que o goberno central nega ao concello a cesión dos terreos declarados innecesarios para usos portuarios situados na contorna da Malata e porque a administración local ten que seguir pagando á Autoridade Portuaria polos espazos que ocupan a maior parte das instalacións deportivas da cidade. Espazos que como o campo de fútbol da Malata, mesmo, non se contemplaba a posibilidade da súa cesión a terceiros, neste caso ao Racing de Ferrol pese a estar pagando polo seu uso ao ente portuario.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que o BNG xa advertiu que o convenio entre o concello de Ferrol e a Autoridade Portuaria para que eses terreos pasasen á titularidade municipal supuña aprobar unha amnistía fiscal para o ente portuario. Hoxe case dous anos despois e logo de que ese convenio non se levase a efecto, demostrase que aquel suposto acordo era un calote, para que o concello seguise a pagar inxentes cantidades de diñeiro por uns terreos que carecen de usos portuarios e sen poder cederllos as entidades que os usan namentres que a Autoridade Portuaria segue sen cumprir coas súas obrigas tributarias coa cidade diante do silencio cómplice do goberno municipal.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, pediu ao alcalde da cidade que renda contas desta situación e como é posíbel que o concello de Ferrol pague máis de 350.000 € ao ano polo Estadio de fútbol da Malata sen que poidamos facer un uso libre desta infraestrutura e haxa que solicitar permiso da Autoridade Portuaria para desenvolver un convenio para cederllo a entidades deportivas da cidade como é o Racing de Ferol.
O BNG cualifica de escándalo o que acontece nesta cidade coas administracións dependentes do Estado, que nin comen nin deixan comer, e así manteñen un importante número de propiedades e terreos en estado de abandono e desuso ao mesmo tempo que impiden que a cidade poida facer o uso delas como estime oportuno.