O BNG esixe a rehabilitación do mercado de Recimil e acusa ao goberno local de ocultar o seu estado

Mercado de Recimil
Mercado de Recimil
Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, considera que o goberno municipal demostra que está máis preocupado polas apariencias que por buscar unha solución para recuperar e revitalizar este mercado.
O BNG esixe a rehabilitación do mercado de Recimil e acusa ao goberno local de ocultar o seu estado
Ferrol 5 de febreiro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, acusou esta mañá ao goberno local de desentenderse do acordo para a rehabilitación do mercado de Recimil e lamentou que a única medida tomada polo goberno de Angel Mato sexa colocar unhas lonas para ocultar o seu estado. Angel Mato prefire tapar as suas vergonzas con fotos bonitas en vez de executar a partida orzamentaria para a recuperación deste mercado municipal.


Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, considera que o goberno municipal demostra que está máis preocupado polas apariencias que por buscar unha solución para recuperar e revitalizar este mercado. Angel Mato debe pensar que se un problema non se ve, non existe cando o que debería facer é desenvolver o proxecto e iniciar de inmediato as obras para a recuperación do mercado de Recimil incluido nos orzamentos municipais tras o acordo alcanzado co BNG.


Iván Rivas lembra ao goberno local que o acordo asinado co BNG non era colocar unhas lonas decoradas no mercado de Recimil senón que incidía na necesidade de acometer a recuperación e rehabilitación do mercado de Recimil, unha partida económica de 900.000 € que permitirá mellorar a diversificación dun barrio que é crucial para esta cidade, porque o futuro urbano de Ferrol pasa por un barrio como este: público e situado no corazón do concello.


O BNG considera que este tipo de actuacións de maquillaxe, que mesmo incumpren a ordenanza municipal de normalización lingüística, non son o camiño que debe tomar o goberno local se queremos dotar a cidade dunhas infraestruturas adecuadas que permitan dinamizala e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico
O BNG esixe a rehabilitación do mercado de Recimil e acusa ao goberno local de ocultar o seu estado