O BNG pide a continuidade do “NOCTURNO” no Concepción Arenal
Ferrol 28 de setembro de 2021. O Bloque Nacionailista Galego de Ferrol expresou esta mañá a súa solidariedade e apoio à comunidade educativa do IES Concepción Arenal diante da inxustificada e arbitraria decisión da Xunta de Galiza de suprimir a Educación Secundaria de Adultos (ESA) neste centro. Así mesmo advertiu que é intolerábel o comportamento do goberno de Angel Mato, que permanece en silencio e desaparecido diante dos graves recortes educativos que a Xunta de Galiza está a desenvolver na nosa cidade.
Maria do Mar López, concelleira do BNG en Ferrol, manifestou está mañá que a decisión da Xunta de Galiza de suprimir a ensinanza de adultos no Concepción Arenal está fora de lugar, incumpre a propia directiva da Conselleria de Educación, supón un novo recorte ao ensino público da nosa cidade e provoca graves prexuizos as persoas matriculadas que xa iniciaran o curso neste centro e que agora son obrigados a desprazarse a outro.
Así mesmo, María López, concelleira do BNG, afirmou que é intolerábel o silencio do goberno de Angel Mato e o comportamento do concelleiro de Educación, Antonio Golpe, que sendo o representante municipal no consello escolar do centro afectado, o Concepción Arenal, nunca acudiu a unha reunión do mesmo nin se ten preocupado por esta problemática, unha actitude totalmente irresponsábel e de desprezo polo ensino público. Cómpre lembrar tamén a negativa do goberno municipal a convocar o Consello Escolar Municipal para abordar a situación dos centros de ensino na cidade, tal e como leva demandando o BNG nas últimas semanas.
O BNG lembra que desde o día de onte o IES Concepcion Arenal non dispón da Educación Secundaria para Adultos, ESA, tamén coñecido na cidade como “o nocturno” unha modalidade de ensino que acollía este centro desde hai máis de 50 anos e que tiña unha longa tradición na cidade. A decisión da Xunta de suprimir neste centro esta modalidade educativa prodúcese co curso xa iniciado e o alunado matriculado. A propia Consellería de Educación, nunha directiva do seu regulamento indicáralles ao centro que tiñan que ter como mínimo 15 persoas matrículadas para desenvolver este curso e non trasladalo a outro centro. Actualmente e cando teñen 19 matrículas, 4 máis das necesarias, a Xunta decide trasaldar ao alunado ESA deste centro á E.P.A.P.U. de Caranza. Unha decisón arbitraria e atemporal que ven a por en evidencia o desmantelamento contínuo que esta a sofrer o ensino público na nosa cidade.
Lembra o BNG que o alunado matriculado non foi preguntado polo traslado e se lle esta a modificar a súa matrícula sen saber se pode acudir ou non ao novo centro ou se os horarios que ali se lle ofertan sonlle favorábeis, sobre todo se temos en conta que o concepción Arenal dispuña dun horario máis amplo para estes estudos.
María López advirte que a supresión da ESA no Concepción Arenal súmase a problemática que están a ter moitos centros da cidade que ainda non dispoñen do profesorado necesario para cubrir a demanda de alumnado.A negativa da Xunta a autorizar desdobres de aulas o que fai que en algúns centros superen a ratio de estudantes por aula que marca a normativa educativa. É por isto que se fai imprescindíbel que se convoque o Consello Escolar Municipal para enfrontar esta situación ademais de que o mesmo se reuna coa periodicidade mínima de 3 consellos ao ano.