Orzamentos do Estado 2022 unha nova burla para Ferrol
Ferrol 13 de outubro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol considera que os orzamentos xerais do estado para 2022 certifican a burla do que o presidente da Xunta de Galiza deu en chamar “Pacto de Estado por Ferrol” e que contou co aval do PSOE co alcalde da cidade à fronte. Para o portavoz nacionalista esta especie de bipartidismo harmónico no que se teñen instalado tanto o PP como o PSOE esta a levar á cidade a unha situación límite.
Así mentres o PP desde a Xunta de Galiza precariza a sanidade, o ensino e o transporte co peche de consultorios como o de Ferrol Vello, un transporte por estrada deficitario e suprime o ensino nocturno para adultos, o PSOE e Podemos desde a administración Estatal e a través destes orzamentos para o próximo 2022 manteñen as gradas dos estaleiros baleiras, o illamento ferroviario da cidade e continúan sen poñer un euro para compensar a perda de ingresos que ten a cidade produto da ocupación de terreos polo ministerio de Defensa.
Estes orzamentos para o ano 2022 esquecen a situación actual dos estaleiros da ría e remítennos un ano máis ao inicio das fragatas F110 polas que levamos agardando preto de 10 anos mentres se reduce o plantel da empresa Navantia e continuamos coas gradas baleiras ao tempo que se anuncia un BAM para os estaleiros de Cádiz.
A parte substancial dos importes consignados nestes orzamentos para 2022 limítanse a proxectos xa comprometidos en anualidades anteriores e teñen que ver con investimentos a desenvolver pola Autoridade Portuaria, fundamentalmente derivados do acceso ferroviario ao Peirao exterior e coa execución do taller de subbloques en terreos do Mº de Defensa por parte da SEPI.
Respecto das infraestruturas ferroviarias e a conexión coa cidade de A Coruña a ninguén se lle escapa que os 128.100 euros consignados para este ano 2022 están moi lonxe dos importes necesarios para acometer esta obra, e moito máis aínda dos supostos proxectos presentados polo Alcalde da cidade que superan os centos de millóns de euros, e que hoxe quedan en nada.
En relación coa ría e as demandas das confrarías nada hai previsto para desenvolver un plan de rexeneración da ría que permita recuperar a súa produtividade. Como tampouco existe ningún importe destinado á recuperación do castelo de San Felipe ou a acometer a rexeneración urbana e patrimonial da cidade.
Por estes motivos, Iván Rivas, portavoz nacionalista, demandou do Alcalde da cidade que abandone a política de panos quentes co goberno do Estado, que deixe de lado as directrices partidaria do PSOE e que pase a defender dunha vez os intereses da cidade, tanto para acometer a rexeneración da ría, renovar as infraestruturas ferroviarias como dotar de carga de traballo inmediata aos estaleiros.