O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72,

mobilizacion Día da Clase Obreira Galega
mobilizacion Día da Clase Obreira Galega
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas.
O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72,

Ferrol 27 de setembro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector productivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano comemorase o 50 aniversario dos sucesos do10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeante na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos.: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de comemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

 

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72,