O BNG pide ao goberno local restabecer o transporte para o Centro de Día de Menores da Deputación
Iván Rivas considera esta decisión un erro do goberno municipal e acusa à responsábel política de quen depende este centro, Ana Lamas, de ocultar este feito do que ela é co-responsábel por formar parte tamén do goberno de Angel Mato que retirou o servizo.
Ferrol 22 de novembro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, esixiu esta mañá ao goberno local que restabeleza o servizo de transporte que o concello puña a disposición dos e das usuarias do Centro de Día de Menores que a Deputación da Coruña ten na nosa cidade.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, acusou ao goberno local de recortar servizos a familias en situación de vulnerabilidade como son as usuarias deste centro de día de menores ao que acoden familias coas que o departamento de Benestar Social realiza programas de intervención familiar.
Iván Rivas considera esta decisión un erro do goberno municipal e acusa à responsábel política de quen depende este centro, Ana Lamas, de ocultar este feito do que ela é co-responsábel por formar parte tamén do goberno de Angel Mato que retirou o servizo.
O BNG lembra que o concello de Ferrol desde hai moitos anos ven prestando o servizo de transporte de autobús con acompañante para as menores que acoden ao Centro de Día de Menores que ten conveniado coa Deputación da Coruña.
O programa de Centro de Día de menores ten como función a atención a menores pertencentes a familias coas que o departamento de Benestar Social Municipal realiza algún tipo de intervención familiar, tendo entre os seus obxectivos a normalización das funcións parentais e a autonomía das familias na cobertura das súas propias necesidades.
Como complemento a este programa e para aquelas familias das crianzas que tiñan dificultades para desprazarse desde os seus centros educativos até as instalacións do centro de Día de Menores da Deputación na nosa cidade o concello dispuña deste servizo de transporte.
Ademáis o custe deste servizo é perfectamente asumíbel polo concello de Ferrol xa que se trata dun importe que non supera os 15.000€ ao ano.
É por isto que o BNG presentará unha moción ao pleno municipal coa proposta para que o goberno local restableleza o servizo de transporte para os usuarios e usuarias do Centro de Día da Deputación da Coruña na nosa cidade.