O BNG E ADEGA promoven un acordo plenario contra o desperdicio de alimentos
Ferrol 23 de novembro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou ao pleno ordinario deste mes unha moción promovida pola delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a problemática alimentaria e a necesidade de evitar o desperdicio de alimentos.
Nesta iniciativa conxunta destacase o feito de que na Galiza perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación.
Nesta iniciativa proponse que o concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector. E promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.
Así mesmo pide que se desenvolvan actividades de concienciación dirixidas á: centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e que se potencien os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.
A moción tamén incide en que o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas está a ser un factor decisivo no cambio climático.O desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta. O desperdicio de alimentos, segundo axencias dependentes da ONU, supoñen un custe económico que supera os 400 mil millóns de Dolares.
Ademais hai que sinalar que o desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente , co cal, ven a supor o 40% da factura que o concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.
É por iso que na moción tamén se insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.