O BNG pide ao goberno local de Ferrol que asuma a súa responsabilidade tras o incendio en Recimil
Ferrol 20 de febreiro de 2026. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol realizou esta mañá unha valoración do acontecido na madrugada de onte no incendio que afectou a un inmoble do barrio de Recimil e considera que hai situacións que non son tolerábeis para unha cidade como Ferrol e instou ao goberno local a asumir a súa responsabilidade.
Ivan Rivas afirmou que non é admisíbel que por parte do goberno local se considere aceptábel que tres bombeiros supoñen para Ferrol un servizo suficiente para atender catástrofes como as que aconteceron no dia de onte ás que hai que engadirlle saídas e actuacións constantes ao longo de toda a quenda sen que por parte do alcalde da cidade se tome ningunha medida para paliar esta situación, “isto é absolutamente inaceptábel” concluiu.
Asi mesmo, dende o BNG consideran que a situación do servizo de extinción de incendios, a dia de hoxe na cidade, é insostíbel nas condicións nas que se presta. “O goberno municipal non pode responsabilizar ou delegar nos funcionarios que desenvolven este traballo, en base a supostas horas extras, o funcionamento deste servizo”.
O BNG tamén quixo poñer en evidencia algo do que toda a veciñanza de Ferrol é consciente que é que o barrio de Recimil está nun estado de precariedade absoluta e lembran que as condicións nas que se desenvolveu o incendio viñan derivadas de condicións previas que a ninguén se lle escapaban polo que non pode pasar un dia mais sen que o alcalde de Ferrol e o goberno local tomen algunha decisión para resolver estes dous problemas.
Rivas insta ao goberno local a atender as demandas dos bombeiros, considera que non pode ser é que nin tan sequera se lles dea audiencia para explicar cales son as súas necesidades e pide que se dote ao servizo dos mínimos recursos Tamén advirte que o barrio de Recimil non pode pasar un día mais nun estado de deterioro constante, un barrio que é de propiedade pública e ao que se lle ten feito caso omiso durante os últimos anos.
Xa por último e como idea final Ivan Rivas afirmou que despois do acontecido onte, alguén ten que asumir algún tipo de responsabilidade porque é evidente que as persoas afectadas están nunha situación gravísima e as súas familias igual. Polo tanto non pode ser que ninguén asuma responsabilidades de algún tipo e estas responsabilidades deben materializarse de maneira inmediata e por tanto pediulle ao alcalde da cidade que as asuma e responda por elas.