O BNG levará ao pleno da mancomunidade as propostas do tecido cultural da comarca

O BNG porpón priorizar a proximidade na participación cultural impulsando redes propias que darán maior garantía de seguridade sanitaria e serán un potenciador da cultura do próximo e do desenvolvemento de fortes redes e identidades fronte á precarización.

O BNG levará ao pleno da mancomunidade as propostas do tecido cultural da comarca

Ferrol 11 de outubro de 2020. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol quere manifestar o seu apoio às demandas do sector cultural da nosa Comarca e anuncia que trasladará as peticións e demandas da Plataforma Cultura Ferrolterra ao vindeiro pleno da Mancomunidade para que os concellos da nosa comarca sexan coñecedores das mesmas e impulsen medidas de apoio ao sector.

 

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG é un dos representantes de Ferrol no pleno da Mancomunidade, ten previsto presentar no vindeiro pleno deste organismo as propostas recollidas no Manifesto impulsado pola Plataforma Cultura Ferrolterra co obxectivo de que se adopten medidas de apoio e impulso a este sector nun momento no que moitos e moitas creadoras están atravesando unha época con grandes dificultades para o desenvolvemento normal da súa actividade cultural.

 

Diante da actual crise o BNG de Ferrol quere aproveitar para propor diferentes enfoques que provoquen mudanzas no ámbito da nosa cultura. A actual situación vén precarizar aínda máis o traballo dun sector que xa tiña moitas dificultades para desenvolver as súas actividades.

É por iso que o BNG porpón priorizar a proximidade na participación cultural impulsando redes propias que darán maior garantía de seguridade sanitaria e serán un potenciador da cultura do próximo e do desenvolvemento de fortes redes e identidades fronte á precarización.

 

Para o BNG cómpre que nas actuais circunstancias mudemos o modelo de xestión cultural dos concellos e que apostemos de maneira decidida por promover o tecido cultural propio desde o momento inicial da súa creación e desenvolvemento até o da súa expresión en actos públicos e colectivos.

Para iso as admnistracións deben poñer a disposición deste colectivo recursos materiais como espazos e medios de traballo adaptados á nova situación que permitan o desenvolvemento de todo tipo de actividades. Cómpre ademais reorientar os recursos económicos priorizando a contratación de creadores e creadoras locais que permitan visibilizar e facer partícipes aos veciños e veciñas do amplio e rico tecido cultural da cidade e comarca.

 

Por estes motivos desde o BNG de Ferrol consideramos preciso que por parte dos concellos que conforman a mancomunidade se traballe no relanzamento da actividade cultural, escénica e musical tanto cunha programación directa como axudando ao tecido asociativo local a realizar estas actividades de xeito seguro. Así mesmo é preciso que se dea prioridade ao tecido cultural comarcal nas diferentes programacións.

 

Tamén desde o BNG consideramos axeitado que desde a Mancomunidade se elabore unha guía de recursos culturais actualizada na que se poida consultar desde unha relación de artistas, espectáculos como de espazos onde poder levalos a cabo.

O BNG levará ao pleno da mancomunidade as propostas do tecido cultural da comarca