O BNG propón destinar o Sánchez Aguilera a zonas verdes e equipamentos públicos.
Ferrol 22 de febreiro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa que será debatida no vindeiro pleno municipal na que propón modificar a calificación urbanística do solo e as determinacións dos usos da parcela que ocupa o acuartelamento Sánchez Aguilera e destinalo a sistemas xerais de espazos libres, zonas verdes públicas e de equipamento comunitario público.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afirmou que unha das asignaturas pendentes que ten esta cidade desde o punto de vista urbanístico é tomar unha decisión ao respecto do espazo que ocupa o acuartelamento Sánchez Aguilera despois de décadas a voltas de que facer coa peza urbana máis importante que ten esta cidade.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, avogou por desvincular este espazo do convenio co Ministerio de Defensa e redefinir o que se quere facer alí. Para o BNG o convenio con defensa é inviábel porque non existe a vontade política para desenvolvelo. Son máis de 20 anos cun convenio que non se acaba de materializar. O convenio con Defensa é, ademais, inviábel desde o punto de vista normativo e a dia de hoxe está caducado. A Lei 40 / 2015 do réxime xurídico do sector público, recolle que os convenios deben ter unha duración determinada, que o seu prazo non pode ser superior aos catro anos excepto que se prevea unha duración maior, cousa que nunca aconteceu. Ademais recolle que son causas de resolución deses convenios o feito de que o transcurso dese prazo de vixencia teña expirado sen que se teña acordado unha prórroga do mesmo, o que tampouco aconteceu. Polo tanto é un convenio que tal e como esta redactado é inviábel materializalo desde o punto de vista legal e desde o punto de vista político pola experiencia que temos acumulada.
Outro factor determinante é que o Plan Especial de reforma interior dese espazo é un documento urbanístico que está obsoleto. Na sua redacción, no seu obxecto se define sobre a base de que se desenvolve vinculado ao convenio con Defensa e polo tanto un convenio con Defensa que é inviábel implica que este plan especial é inviábel de materializar.
Así mesmo, ese plan especial como se recolle no mesmo ten unha vixencia de catro anos que é o prazo que se estabelece no plan de etapas dese documento para a realización das actuacións vinculadas a ese instrumento urbanístico. Ademais a lei do solo, actual, estabelece 3 anos de vixencia para o desenvolvemento deste tipo de instrumentos urbanísticos. Pero é que estamos a falar dun plan especial do ano 2011, baseado en criterios desde o punto de vista urbano de expansión e o marco legal sobre o que se desenvolveu esta totalmente desfasado: A lei do solo era a Lei 9/2002 e hoxe temos unha lei que é do 2016, a Lei de Patrimonio Cultural sobre a que se desenvolver era a lei 8/1995 hoxe temos unha lei de patrimonio de 2016 ou a lei de vivenda era do 2008 hoxe temos unha lei de vivenda do 2012, polo tanto é evidente que non se axusta aos obxectivos que perseguimos como cidade.
Para o BNG as necesidades urbanísticas de Ferrol son zonas verdes e equipamentos, pero fundamentalmente zonas verdes. É por iso que propoñemos a modificación dos usos do solo do cuartel Sánchez Aguilera para definir usos exclusivamente do tipo equipamentos públicos e zonas verdes públicas. Isto implica deixar sen efecto o plan especial e a sua vinculación ao convenio con Defensa para logo iniciar un procedemento de adquisición deses terreos que xa non terían que pasar polo convenio que non se materializa. Este procedemento se desenvolvería mediante un procedemento de expropiación dos terreos adaptados ao novo valor do mesmo é dicir eliminando o carácter comercial e residencial que a día de hoxe teñen que é o que incrementa de maneira substancial o valor deses terreos.
O BNG sinala que o cambio na calificación dos terreos non implicaría ningún tipo de indemnización ao propietario actual, dado que estamos diante dun solo que non se ten desenvolvido desde que se recalificou e dun solo que ten un plan especial do ano 2011. A día de hoxe existen innumerábeis sentencias que recoñecen que a volta a unha situación máis proteccionista duns terreos que non se teñen desenvolto desde hai anos é unha decisión normal, lóxica e que redunda no interese público.
Para o BNG é absurdo que nunha cidade co 20% das vivendas baleiras sigamos a propoñer a construción de máis vivendas ou espazos comerciais cando temos ao comercio local na situación na que está.
Para O BNG o obxectivo desta iniciativa é poder darlle de maneira definitiva unha saída a este espazo fundamental do concello e pediulles ao goberno local e ao resto de grupos que deixen de mirar para o pasado para resolver un problema sobre a base das mesmas receitas que se teñen demostrado que non resolven os problemas e que miren cara o futuro co obxecto de procurar unha solución pola que levamos agardando décadas.