O BNG insta ao pleno de Ferrol a pedir un confinamento de 15 días.
Para o BNG os gobernos non poden continuar a delegar nas persoas nin no seu comportamento indiviual a saída da actual situación mentres as institucións que dirixen se inhiben de tomar decisións que permitan mellorar o actual contexto sanitario simplemente por non querer responsabilizarse das medidas paliativas e compensatorias aos sectores máis afectados que implica a adopción dun confinamento total.
Ferrol 23 de xaneiro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que o Concello de Ferrol diante da grave situación sanitaria que vive a cidade, tal e como recoñecen todas as administracións implicadas e revelan os dados da evolución da pandemia, non pode permanecer inmóbil sen adoptar ningunha medida ao respecto.
O BNG á vista da actual situación e do inmobilismo do goberno local, incapaz, de tomar ningunha decisión dentro das súas competencias e nen tan sequera de alzar à voz diante da Xunta de Galiza, decidiu presentar unha moción ao vindeiro pleno municipal co obxectivo de demandar da Xunta de Galiza e do Goberno español un confinamento total durante os próximos 15 días co obxecto de reverter a actual situación. Un confinamento que debe vir acompañado das necesarias axudas económicas para cubrir aos sectores que máis sufrirían cun confinamento e que xa están tendo un impacto moi importante coas actuais restricións.
Iván Rivas, diante da parálise do goberno local demandou do conxunto de grupos municipais o seu apoio a esta demanda a través dun acordo plenario que canalice esta exixencia diante da irresponsabilidade do resto de administracións, porque en momentos como este non valen as medias tintas nin as indefinicións e cómpre actúar de maneira urxente e decidida.
O BNG salienta que máis de dous meses despois de estar sometidos a un confinamento perimetral e doutro tipo de restriccións estas medidas amosáronse insuficientes para doblegar a curva e nos últimos días as cifras non fixeron máis que aumentar tanto en termos de persoas infectadas, como hospitalizacións, ocupación de UCIs e falecementos.
O BNG advirte que os gobernos non poden continuar a delegar nas persoas nin no seu comportamento indiviual a saída da actual situación mentres as institucións que dirixen se inhiben de tomar decisións que permitan mellorar o actual contexto sanitario simplemente por non querer responsabilizarse das medidas paliativas e compensatorias aos sectores máis afectados que implica a adopción dun confinamento total.
O BNG recoñece que non é fácil tomar unha medida destas características pero é a medida máis eficaz para poder salvar vidas, preservar a saúde e mesmo preservar a economía.