O BNG afirma que o goberno local de Ferrol volve quedar en evidencia diante das novas restriccións à hostaleria e comercio.

27 xaneiro
concentración de HAF
O BNG afirma que o goberno local de Ferrol volve quedar en evidencia diante das novas restriccións à hostaleria e comercio.

Ferrol 26 de xaneiro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol salienta que, lamentabelmente, as novas restricións impostas ao comercio e á hostalería volven a deixar en evidencia ao goberno local, o seu silencio cómplice diante da pouca implicación da Xunta de Galiza de apoio a estes sectores e a súa pasividade, irresponsabilidade e afán recadatorio.

 

O BNG considera que o goberno municipal deu mostras de primar o afán recadatorio e antepoñer os intereses das grandes empresas que xestionan os servizos neste concello antes que os intereses dos veciños e das veciñas. Resulta incomprensíbel que as hostaleiras e comerciantes teñan que seguir pagando o 100% da factura de auga e recollida de lixo cando non poden desenvolver a súa actividade ou teñen que facela cunha xornada reducida. Todo pola negativa do goberno local de Angel Mato a ter revisado as ordenanzas tal e como lle demandou o pleno en varias ocasións, a instancias do BNG.

 

Resulta incomprensíbel que o goberno de Angel Mato lles estea a esixir as e aos hostaleiros o pago da cota pola instalacións de terrazas no peor momento para eles e coa restrición total da súa actividade, supostamente, pola metade do ano cando a día de hoxe descoñecen se van poder desenvolver a súa actividade a partir do mes de maio e se o poden facer en que condicións.

 

Iván Rivas, portavoz do BNG, lamenta que as axudas do PAME III cuxas solicitudes aínda non se poden presentar nacen xa desfasadas xa que ademais de saír con retraso, só atenden as persoas que estiveran dadas de alta antes do 1º dos estados de alarma, esquecendo aquelas persoas que a pesar de todo decidiron abrir un negocio entre o 14 de marzo do 2020 e hoxe.

 

Ademais a hipocrisía destas axudas se evidencia no feito de que as e os posíbeis beneficiarios das mesmas teñen a obriga de manter a súa actividade ao longo dos próximos tres meses ao mesmo tempo que se lles obriga a pechar por decreto.

 

Por estes motivos volvemos a esixir ao goberno local que se poña a fronte das reivindicacións destes colectivos diante da Xunta de Galiza, en segundo lugar que antepoña os intereses dos veciños e veciñas aos das empresas concesionarias e acometa a reforma das ordenanzas fiscais e en terceiro lugar, que deixe de lavarse as mans polo feito de aprobar unhas axudas obsoletas e que deberían ter como obxectivo principal compensar o peche e as limitacións da actividade destes sectores desde o mes de novembro.

 

O BNG afirma que o goberno local de Ferrol volve quedar en evidencia diante das novas restriccións à hostaleria e comercio.