O BNG insta ao alcalde a aclarar se vai impoñer unha nova taxa á circulación na cidade
Ferrol 1 de abril de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, instou hoxe ao goberno local a aclarar si pretende impoñer unha nova taxa aos veciños e veciñas para poder circular polo barrio de A Magdalena e Ferrol Vello, dado que tal e como se recolle no PMUS, o actual goberno local renuncia á peonalización deste ámbito da cidade e posterga a súa aplicación até dentro de seis anos.
O BNG lembra que a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética impón aos concellos de máis de 50.000 habitantes a obriga da redacción dun PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel) con medidas que reduzan as emisións de gases derivados da mobilidade. Entre esas medidas ten que estar, como mínimo, o estabelecemento de Zonas de Baixas Emisións antes de 2023.
Ademais, o 19 de Novembro de 2021 publicáronse, as Directrices para a creación de zonas de baixas emisións determinando dúas alternativas: Prohibir entrar e circular aos vehículos sen distintivo ambiental CERO, ECO e C. ou estabelecer unha Peaxe urbana, cobrar por entrar, circular e estacionar en certas zonas das cidades.
Iván Rivas, portavoz nacionalista en Ferrol, considera que deste xeito queda claro que ademais de entrar en contradición coas declaracións feitas polo responsable de mobilidade do goberno local, nas que afirmaba que «Si no van a entrar los vehículos, da igual el año de fabricación de los mismos», o camiño escollido polo actual Alcalde é impoñer unha nova taxa aos veciños e veciñas da cidade que será discriminatoria para boa parte da poboación polo alto investimento que supón un vehículo eléctrico, híbrido ou mesmo de combustión con etiqueta C.
En Ferrol, esta decisión afectaría a unha terceira parte dos vehículos inscritos no concello e supón insistir na política de tráfico e mobilidade deste concello baseada fundamentalmente na imposición de sancións e tributos cun afán exclusivamente recadatorio.
Iván Rivas lembra que na cidade a superficie destinada aos vehículos ocupa un 68% do espazo total dispoñible nas rúas, e tan só o 32% ao tránsito peonil, segundo os datos do Plan MOB, tamén que o camiño cara a recuperar as rúas para as persoas é un percurso inexorable que cidades como Pontevedra levan anos recorrendo e que Ferrol é incapaz de iniciar.
Iván Rivas instou ao goberno local a reconsiderar a súa postura e apostar pola recuperación das rúas par a xente fronte a política de imposición de sancións e tributos.
Así mesmo lembrou que as propostas presentadas polo BNG ao PMUS apostaban por efectivizar, dunha vez, a peonalización integral do barrio da Madalena, Incrementar os servizos e frecuencias do transporte público co obxecto de fomentar o seu uso, reducir os aparcadoiros en superficie existentes recuperando ese espazo para a xente coa xeración de novas zonas verdes e espazo público como a parcela do Sánchez Aguilera, ou promover os aparcadoiros soterrados para absorver a demanda residencial e os aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de transporte público para disuadir do uso do vehículo privado.
O BNG considera que fronte a un modelo baseado na penalización, o de pagar por acceder a determinadas zonas ou pagar por adquirir un vehículo eco, existe o modelo de promover a redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, que trae consigo outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade e mesmo que facilita a autonomía dos menores.