O BNG inicia unha campaña para que a residencia do Bertón sexa 100% de xestión pública
Ferrol 9 de decembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol reivindicou esta mañá que a futura residencia de maiores do Bertón sexa xestionada de forma directa pola Xunta de Galiza, desbotando a súa concesión a unha entidade privada e para o que vai desenvolver nos vindeiros meses unha campaña social con este fin.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sinalou que a xestión privada desta infraestrutura vai redundar negativamente na calidade dos servizos prestados e lamentou que en Ferrol tan só a residencia de maiores de Caranza sexa de xestión pública e directa por parte da Xunta de Galiza.
Rivas destacou que Ferrol é a cidade que ten o nivel de poboación de idade avanzada mais alta de todo o país e ao que hai que sumarlle os longos prazos da tramitación do servizo de dependencia para as persoas idosas da nosa comarca sen que se garantice a prestación do servizo. Rivas lamenta que a xunta de Galiza desaproveite as alternativas que ten, como esta nova residencia, para reforzar este servizo público na nosa cidade e reclamou que por parte da Xunta se asuma a xestión propia deste centros e se aposte por unha xestión publica no seu cento por cento.
Món Fernández, deputado do BNG, considerou que é fundamental que Ferrol se dote de máis prazas de residencias para persoas maiores xa que estamos nunha comarca na que non chegamos a media galega e ademais a media de prazas por persoa é a metade do que recomendan as institucións internacionais neste ámbito.
Mon Fernández sinala que nos parece bastante grave que unha residencia que é propiedade da Xunta de Galiza se queira xestionar a través dunha concesión dunha empresa privada.
Fernández lembrou que nos últimos meses están saíndo á luz pública casos de malas praxes en residencias privadas e como os servizos sociais da Xunta tiveron que clausurar dúas casas de maiores en Amoeiro e Xinzo ou o caso dunha residencia de Domus Vi en Monforte onde se detectou un brote de sarna polo que estamos a falar de cuestións moi graves.
Todos sabemos que estes sistemas de xestión privada baséanse na precariedade das persoas traballadoras e nas que a Xunta se desmarca das condicións laborais deste persoal pero sigue engordando a nómina das grandes empresas concesionarias. Ese é o modelo para xestionar as residencias por parte da Xunta de Galiza e no BNG estamos absolutamente en contra dese sistema porque está máis que comprobado que as bosa ou malas condicións laborais das traballadoras redundan na calidade do servizo prestado.
Para Mon Fernández a calidade do servizo das residencias públicas, como a de Caranza, está máis que contrastada en contraposición cos déficits de persoal nas privadas.
Para o BNG non existe ningún motivo polo que a Xunta de Galiza non poida xestionar esta infraestrutura cos seus medios directos.