MELLOR LOCAL, MELLOR GALEGO É O LEMA DA CAMPAÑA ANIMANDO A MERCAR NO COMERCIO DE PROXIMIDADE
O BNG presenta a campaña de apoio ao comercio local
Ferrol 12 de decembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou esta mañá a campaña de apoio ao comercio local que desenvolve todos os anos coincidindo coa época de nadal animando aos veciños e veciñas da cidade a facer as súas compras no comercio de proximidade e apostar polo produto galego.
Roberto Montero, responsábel local e concelleiro do BNG, afirmou que o BNG cre e aposta polo comercio local como motor e dinamizador das nosas vilas e censurou ao goberno local pola situación dos mercados municipais, o nulo investimento económico que fai nos mesmos e o estado no que mantén os de Recimil e Caranza. Roberto Montero situou como unha prioridade a rehabilitación do Mercado de Recimil. "Creemos que se o goberno fose un pouco digno, debería de ter algunhas prioridades, como sería arranxar algunha, das prazas que temos na cidade" dixo Montero.
Así mesmo incidiu en propostas do BNG como a posta en marcha dunha bolsa de aluguer de baixos baleiros para impulsar negocios e a negativa a implantación de novos centros comerciais na cidade como o previsto no proxecto do Sánchez Aguilera que ten un claro carácter especulativo.
Mon Fernández, Deputado do BNG, destacou a importancia do comercio local no tecido cidadán de calquera cidade os comercios son os que lle dan vida as cidades e neste sentido o BNG sempre tivo moi claro este feito e asi na tramitación dos orzamentos da Xunta para o ano 2026 o BNG xa puxo este feito de relevo.
Mon Fernandez criticou que o orzamento da Dirección Xeral de Comercio para este ano é de apenas 27 millóns de euros mantendo case a mesma cantidade que a do ano pasado , unha suba ridícula dun millón algo que non da para facer nin o que o propio PP di que vai facer e destacou que a proposta do BNG era incrementar esta partida até os 42,5 millóns de euros.
Nestas datas nas que todos e todas aumentamos as nosas compras, dende o BNG queremos facer unha chamada a cidadanía, apelou a conciencia dos consumidores e cosumidoras de promover e apoiar aquelo que temos ao pe da casa e gozar da experiencia do comercio local.