O BNG esixe à Xunta reforzar a área sanitaria de Ferrol
Ferrol 29 de xaneiro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol diante da evolución dos datos da pandemia na nosa cidade cun aumento da presión hospitalaria e traslados de pacientes cara outras areas sanitarias esixiu esta mañá da Xunta de Galiza que reforce a nosa área sanitaria dotándoa de máis medios e profesionais.
No día de hoxe volvemos a constatar un novo pico máximo de infectados con 1796 e un novo incremento da presión hospitalaria con 150 hospitalizados e 25 en UCI. É moi preocupante a porcentaxe de infectados nas probas realizadas que superado o límte do 10%, como leva acontecendo estes días, significa que non se detectan todos os contaxios.
Por este motivo o BNG asiste con moita preocupación a situación actual da nosa area sanitaria e o constante traslado de pacientes covid cara outros centros do país como Lugo e Pontevedra. Por esta razón consideramos necesario que o Goberno galego amplíe a dotación de persoal principalmente nos centros hospitalarios do CHUF e en concreto no Hospital Naval, de cara a posibilitar a ampliación das camas UCIs e evitar derivacións a outros centros do país. Cómpre, ademais que a Xunta de Galiza valore que na nosa cidade existe outro centro hospitalario, o Juan Cardona, que aínda que de xestión privada, de ser preciso terá que poñer os seus medios a disposición das autoridades sanitarias na loita contra a pandemia.
Iván Rivas cre que hoxe máis que nunca é preciso reforzar o persoal sanitario debido a que o actual, en moitos casos está exhausto, e acumula quendas. Un persoal que leva case un ano traballando sen pausa para controlar o virus sen que por parte da Xunta se tomaran as medidas correctoras precisas para reforzar o noso sistema sanitario para poder enfrontar as novas vagas da pandemia en mellores condicións e que incluso teñan dificultades para acceder a máscaras de protección FPP2 que a Xunta non lles suministra mentres o presidente da Xunta demanda a súa obrigatoriedade ao Estado.