O BNG considera inaceptábel a decisión de Mato de mercar máscaras para o plantel de Navantia
Ferrol 9 de febreiro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol esixiu esta mañá ao alcalde da cidade, o socialista Angel Mato, explicacións pola compra, por parte da alcaldía, de 2000 máscaras para destinalas ao plantel da empresa Navantia por un importe de 7.240 euros.
O BNG considera isto unha decisión inaceptábel tendo en conta a precariedade social da cidade onde existen colectivos importantes de persoas nunha situación de vulnerabilidade e con serias dificultades para acceder a este tipo de material de protección contra a covid, que deberían ser prioritarios e a gran preocupación do goberno local, do mesmo xeito que acontece coa compra deste tipo de material dentro do propio plantel municipal.
Iván Rivas, portavoz BNG, considera que o labor de Angel Mato, alcalde de Ferrol, non é suplir as posíbeis carencias que unha empresa pública dependente da administración central do estado, como Navantia, poida ter cos seus traballadores, polo que esixe ao alcalde da cidade unha rectificación a respecto da súa decisión.
O BNG non cre que diante da grave situación de falta de carga de traballo nos estaleiros da nosa ría está sexa unha medida oportuna, como argumenta o goberno local para xustificar este gasto. Sería máis produtivo que o alcalde da cidade esixira ao Goberno do estado unha solución definitiva para Navantia como é o abandono do monocultivo militar e a constitución dun gran complexo da construcción naval tanto no mercado civil como no militar.