O BNG esixe a Mato que cumpra coa Ordenanza de Normalización Lingüística

DSC_0127
Ivan Rivas
Maria do Mar López insta ao goberno local a cumprir coa normativa municipal en materia lingüística e defendeu que o bilingüismo non é unha opción.
O BNG esixe a Mato que cumpra coa Ordenanza de Normalización Lingüística

Ferrol 5 de abril de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol quixo chamar a atención sobre o desleixo do goberno de Angel Mato para coa normalización lingüística e evidenciar como o galego perde presencia na nosa cidade da man do goberno municipal.

Esta mañá os integrantes do grupo municipal do BNG desenvolveron un acto simbólico nas fachadas do centro cultural Torrente Ballester procedendo a normalizar as placas que recentemente instalou o goberno local nomeando os espazos públicos adxacentes a esta instalación onde o goberno local situaba a nosa lingua nun segundo plano e a deixaba como un mero acompañamento.

Maria do Mar López, concelleira do BNG,lembrou ao goberno de Angel Mato que a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística recoñece que o galego é a lingua oficial do concello de Ferrol e destacou os continuos incumprimentos por parte do goberno municipal desta ordenanza.

María do Mar López, concelleira nacionalista, indicou que o goberno local durante todo o que leva de mandato obvia a nosa lingua como así se evidencia en moitos dos pregos e estudos de plans que están en español, as xornadas sobre patrimonio, a sinalética de tráfico, a paxina de turismo e moitos máis exemplos que poderiamos citar.

Para o BNG os letreiros que hoxe vimos de normalizar é a última labazada deste goberno a ordenanza municipal, onde no seu artigo nº 20 se recolle que os rótulos, sinalizacións […] rede viaria […] estarán redactados en idioma galego. A continua diglosia na que vive o goberno local non é máis que un menosprezo a nosa lingua e cultura, e non axuda a posta en valor do noso patrimonio inmaterial. A nosa lingua é un patrimonio que debemos respectar, preservar e potenciar. Se a nosa cidade quere ser patrimonio mundial, Angel Mato debería saber que ten que ser, tamén, en galego e poñendo en valor a nosa lingua.

Maria do Mar López insta ao goberno local a cumprir coa normativa municipal en materia lingüística e defendeu que o bilingüismo non é unha opción.

O BNG esixe a Mato que cumpra coa Ordenanza de Normalización Lingüística