O BNG esixe diante da Ministra de Transportes unha conexión ferroviaria digna para Ferrol

DSC_0124
Concentración do BNG na visita da Ministra de Transporte
O BNG esixe diante da Ministra de Transportes unha conexión ferroviaria digna para Ferrol

Ferrol 21 de xaneiro de 2022. Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, considera lamentábel a actitude da Ministra de Transportes que se atreve a vir a nosa cidade a sacarse fotos e participar en actos propagandísticos namentres mantén a rede ferroviaria de Ferrol nun estado de total abandono.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, sinalou que unha vez máis o estado das conexións ferroviarias da liña Ferrol-A Coruña foron as grandes esquecidas no encontro mantido esta mañá entre a Ministra de Transportes e o presidente da Xunta de Galiza.

Se no mes de marzo do ano pasado o compromiso era incluír a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña “na axenda” hoxe o resultado non foi menos sorprendente: “queremos saber que se pode facer co tren en Ferrol” foron as palabras do señor Feijoó, sen que ao mesmo tempo exista ningún tipo de compromiso de mellora desta infraestrutura.

É inaceptable que a Ministra responsable xunto ao presidente da Xunta fagan este tipo de afirmacións despois de todos estes anos de reivindicacións e a indiferenza diante delas por parte do PP do PSOE.

O BNG lémbralle ao Sr. Feijoó que durante os anos 2008 e 2009 dotáronse 6 millóns de euros en 2008 e 15 millóns de euros en 2009 para a execución destas obras. Este diñeiro, ademais, tiña como obxecto deseñar un modelo homologado co resto do Eixo Atlántico, é dicir que contemplara: dupla vía , electrificación e compatibilidade de viaxeiras e mercadorías.

Ademais este proxecto licitouse en 2009 e estaba pendente de trámites administrativos para o seu desenvolvemento e execución, entre eles, o ditame do concello de Ferrol. Un ditame que se non se desenvolveu foi porque o goberno local daquel tempo, no que Angel Mato era responsábel de Urbanismo, paralizou a execución deste proxecto.

É, por tanto vergoñento que o presidente da Xunta se pregunte sobre que é o que hai que facer cando continuamos cunha infraestrutura ferroviaria de hai 100 anos e todos todas, excepto el, sabemos que é o que hai que facer.

Iván Rivas, lamenta tamén o silencio do alcalde, Angel Mato, diante dos e das representantes do goberno do Estado e lle esixe que ademais de para pasear coa Ministra de Transportes polas rúas de Ferrol aproveite os actos nos que participa para trasladar e demandar solucións aos problemas da nosa cidade como é exixir ao Goberno do Estado que consigne fondos económicos para acometer a mellora e modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña.

 

O BNG esixe diante da Ministra de Transportes unha conexión ferroviaria digna para Ferrol