O BNG propón transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde
Ferrol 30 de novembro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno local a recuperación para o uso público dos terreos que ocupa o antigo vertedoiro de Mougá e acometer a transformación desta zona da cidade para convertela nunha grande zona verde.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que pasaron case vinte anos desde que o antigo vertedoiro foi clausurado, tempo máis que de sobra para que sobre o mesmo se poida desenvolver un proxecto que recupere para o goce da veciñanza de Ferrol dunha zona que a día de hoxe se atopa en estado de abandono total, gañando para a cidade espazos recreativos e de lecer e pondo en valor unha zona de grande valor paisaxístico.
O BNG lembra que o proxecto de selado do antigo vertedoiro de Mougá supuxo unha intervención sobre unha zona de 93.000 m2 onde se asentaba o que fora un dos vertedoiros máis grandes de Galiza, que máis tarde completaríase a recuperación desta zona coa clausura da antiga planta de compostaxe da Mancomunidade.
Ivan Rivas, portavoz nacionalista, indicou que o obxectivo é converter este lugar, hoxe abandonado, nunha nova zona verde, de ocio e paseo recuperando un espazo degradado para a cidade do mesmo xeito que se teñen recuperado zonas similares noutros concellos do noso país.
Iván Rivas vai máis alá e considera que ao mesmo tempo que se transforma o antigo vertedoiro nun grande parque público deberíase recuperar outras instalacións como a Aula Reciclaterra e implementar, actualizando o proxecto, da posta en marcha do centro integral da enerxía e residuos que recollía o plan de acción da Axenda 21 para a nosa cidade. Un proxecto que buscaba servir de punto de referencia para a divulgación e formación sobre as enerxías renovábeis e os residuos.
Desde o BNG sinálase que na actualidade as instalacións que se asentaran neste espazo como parte do proxecto de selado e recuperación, como foron os sistemas de drenaxe para os lixiviados e os sistemas de combustión para os gases que xeran os residuos enterrados están totalmente inutilizados produto do saqueo destas instalacións. Cómpre aproveitar este proxecto para recuperalas e tratar de controlar os gases e tamén os lixiviados co fin de evitar que cheguen aos acuíferos da zona.
Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro.