O BNG cualifica os orzamentos municipais de Ferrol para 2026 de fraudulentos e antisociais
Ferrol 17 de novembro de 2025. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, cualificou hoxe os orzamentos do concello de Ferrol para 2026 como fraudulentos e antisociais . Rey Varela presenta uns orzamentos que só benefician ás grandes empresas e sen novos investimentos para a cidade.
Rivas, explicou que a proposta de orzamentos para 2026 do PP continua coa senda da política de austeridade como o elemento vertebrador, reduce significativamente o gasto en investimento, aumenta a amortización da débeda e o incremento das privatizacións e continua sen resolver problemas estruturais da cidade como a carencia a falla de ingresos produto da conservación de privilexios na cidade. Deste modo o PP pretende recadar en 2026, 7,33 millóns de euros máis entre impostos directos, indirectos e taxas a veciñanza de Ferrol.
O portavoz municipal do BNG de Ferrol aclarou que este orzamento incrementa o gasto en privatizacións para o ano 2026, convertindo este apartado en máis da metade do orzamento municipal, o 52,12 % do total, cun incremento respecto de 2025 de 6,77 millóns de euros.
Por último, Rivas sinalou tamén como significativo e decepcionante a tendencia a reducir o gasto destinado a investimentos. Así para este ano 2026 os investimentos redúcense en 5 millóns, que representan tan só o 11,9 % do orzamento sen incluir ningún proxecto novo para a cidade e un incremento de 2 millóns de euros o gasto en amortización de intereses.
Esta maneira de actuar confirma a política fraudulenta do PP que xa nin repite os mesmos investimentos que presentaba ano tras ano produto da non execución dos mesmos, ademais de desterrar da previsión de gasto para 2025 acordos e proxectos longamente demandados pola cidade como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, ou mesmo o pavillón do IES de Ferrol Vello que amosan a distancia que existe a día de hoxe entre o goberno local e as necesidades da veciñanza da cidade.