O BNG CENSURA A ELIMINACIÓN DAS TRADICIÓNS GALEGAS NO NADAL DE FERROL
Ferrol 5 de decembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censurou esta mañá que o goberno local eliminara da programación de Nadal a visita do Apalpador, unha actividade que xa estaba asentada no nadal ferrolán da man da A.C. Artábria e percorría as rúas da nosa cidade igual que acontece coas actividades do programa APEGO que formaban parte da programación municipal destas festas.
María López, concelleira do BNG, considera que a supresión da figura do Apalpador asi como a eliminación das actividades do programa de promoción da lingua “APEGO” é un exemplo da nula sensibilidade e interese por defender a lingua e as tradicións galegas do goberno do PP. Unhas decisións que volven a poñer en evidencia que a política do Partido Popular en materia lingüística, no que vai de mandato, é unha redución constante da lingua e da cultura galega.
A concelleira Maria do Mar López lamenta que a nosa cidade sexa a excepción do que está sendo habitual no resto das grandes cidades, onde cada vez se fai máis presente a figura do Apalpador como unha figura propia do nadal galego.
Do mesmo xeito a concelleira nacionalista lamenta que non se leven a cabo as actividades de Apego da época de nadal que ata o de agora sempre se viñan celebrando e tiñan un oco nas xornadas festivas da cidade. O programa Apego é un programa que ésta creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, o que fai evidenciar unha vez máis que para o Partido Popular o galego non ten cabida como lingua normalizada. Maria lópez lamenta que Ferrol retrocede e mingua a participación da nosa lingua que é expulsada dos actos festivos do nadal.