O BNG e a veciñanza de Brión piden control sobre as obras do túnel de acceso ao porto exterior e que cesen os traballos nocturnos.
Ferrol 11 de febreiro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto ao presidente da asociación veciñal de Brión, José Oreona, para explicar que desde hai semanas os veciños e veciños desta parroquia levan padecendo ruídos, vibracións e molestias de contaminación acústica derivadas da execución das obras do túnel de acceso ao porto exterior e para demandar a Autoridade Portuaria que cese de maneira inmediata a execución destas obras, polo menos en horario nocturno e que ademais esa decisión sexa permanente no tempo. Así mesmo piden que o concello de Ferrol desenvolva as labores de inspección e control que ten encomendadas no termo municipal para garantir que se cumpren cos criterios estabelecidos na normativa.
Iván Rivas, portavoz do BNG, indicou que estas reivindicacións fanse sobre a base da Declaración de impacto Ambiental, deste proxecto, a cal, lembrou que, xa no seu momento, considerábana laxa. Rivas deu conta que os criterios que ali se estabelecen son claros e evidentes sobre cales son os limites que existen para desenvolver estes traballos no que se refire as afeccións sobre a calidade atmosférica, ou as que teñen que ver coa contaminación acústica tanto no proceso de execución da obra como no proceso de explotación.
Durante o proceso de construción desta obra a DIA recolle explicitamente que os ruidos que se poidan xerar terán que paralizarse ou terán que desenvolverse en horario diurno. É dicir, recolle explícitamente que non se executarán traballos en horario nocturno. Recolle, ademais, que se realizará un seguimento do ruído ambiental cunha análise previa ao inicio da obras. É por isto que o BNG esixe saber se ese estudo previo está feito, se o estudo que debería acompañar ao desenvolvemento destas obras se está a facer e ademais se se está a facer unha comparación dos valores iniciais e dos valores que existen na actualidade.
A DIA ademais recolle que é necesario realizar unha campaña mensual onde se recollan todos estes rexistros de ruído, sobre as edificacións que están afectadas directamente por estes traballos, pero recordou que o máis significativo que se recolle é que non se poderán desenvolver traballos en horario nocturno, haxa estudos ou non os haxa. Polo que afirmar que se paralizarán as obras de maneira temporal, como se dixo desde a Autoridade Portuaria, para o BNG non é a mellor decisión.
Rivas indicou que con respecto as vibracións producidas, polas voaduras ou pola acción da tuneladora, a DIA recolle que existen 2 puntos concretos nos que van superar os índices permitidos pola normativa e pola lei de ruídos. Diante disto indica que é obrigatorio desenvolver un traballo de monitorización e un estudo máis detallado das vibracións durante a execución dos traballos. Diante disto o BNG demanda a Autoridade Portuaria o seu contido. Tamén a DIA recolle que fronte a isto haberá que adoptar cando menos duas solucións: a primeira, variar os parámetros de perforación da tuneladora para que non poida provocar esas vibracións e adecuar os horarios de traballo para que se respecten os horarios de descanso dos veciños e veciñas . A segunda indica que se, aínda asi, en perido diurno segue habendo contaminación atmosférica, ruidos e vibracións indica, a DIA, que haberá que, ou ben, buscar outros métodos de escavación ou o desaloxo temporal dos habitantes das vivendas.
Para o BNG estes requisitos son suficientes para que a Autoridade Portuaria asuma que non se poden seguir desenvolvendo estes traballos en horario nocturno, os vinculados a perforación e execución dos traballos do túnel de aceso ao porto exterior. Asi mesmo o BNG considera que esta situación tamén é máis que suficiente para que hoxe mesmo o goberno local como administración competente para avaliar os niveis de ruído no concello inicie os oportunos traballos de inspección e control. Tamén lembrou o BNG que ademais de Brión están afectados por estas obras os veciños e veciñas do barrio da Graña.
José Oreona
O presidente a asociación Veciñal “Castelao” de Brión, José Oreona afirmou que a maioría dos veciños e veciñas de Brión están moi preocupados polos ruídos que están a sentir debidos as voaduras e as barrenadoras do túnel de acceso ferroviario ao porto exterior, e que a situación agravase polas noites xa que impiden o descanso. E que levan dous meses con estas molestias e consideran que esta situación non se poden permitir.