O BNG considera que impedir a entrada de público nos plenos só contribúe a aumentar a crispación
Ferrol 29 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera inapropiada a actitude do alcalde de Ferrol, na sesión plenaria desta mañá, e advirte que actitudes como a de impedir a libre entrada dos veciños e veciñas aos plenos van en detrimento da calidade democrática do concello e só contribúen a crispar aínda máis o ambiente social e lembra que cando impediu a entrada a veciños no pleno non existía ningunha situación de excepcionalidade que xustificara esta medida.
O BNG considera que a situación que se esta a dar na cidade de Ferrol coa presencia nos plenos de diversos colectivos sociais ten relación directa coa aplicación, por parte deste goberno municipal das directrices sinaladas desde o goberno do Estado en todos os ámbitos, unhas políticas que están a provocar consecuencias dramáticas para esta cidade como o desmatelamento do sector naval, a destrución dunha das principais riquezas do concello como é a ría, a eliminación das conexións ferroviarias da cidade ou o aumento da débeda do concello e pago de interesés co obxectivo de rescatar aos bancos, con consecuencias terribeis para os veciños e veciñas da cidade como é unha tasa de paro do 32%.
O BNG censura a actitude colaboracionista do alcalde da cidade fronte estas situacións e lamenta que a única solución que aporte sexa aumentar a represión sobre os veciños e veciñas da cidade.
Así mesmo cremos que resulta intransixente de máis non querer aceptar os rogos formulados polo BNG pedindo que a entrada ao salón de plenos fora libre e contradí as súas propias declaracións da semana pasada nas que afirmaba que non ían a modificar as condicións de entrada as sesións plenarias.