O BNG pregunta à Xunta pola situación da liña ferrea Ferrol-A Coruña e polos actos do centenario.
Ferrol 30 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa na que se interesan por coñecer que actuacións ten previsto desenvolver para mellorar a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña, e por coñecer en que consiste a colaboración que a Xunta presta aos actos de celebración do centenario da liña férrea Ferrol- Betanzos, e cal é o Que orzamento que destinou a esta actividade.
Na iniciativa presentada no Parlemento de Galiza, o BNG, quere coñecer, ademais, que valoración fai a Xunta sobre a situación actual dos servizos que se prestan liña de ferrocarril que une Ferrol e A Coruña.
Os nacionalistas lembran que o vindeiro 5 de maio de 2013 conmemórase o centenario da liña de ferrocarril entre Betanzos e Ferrol e que con este motivo diversas entidades,entre as que figuran a maioría dos concellos polos que discorre esta vía férrea, a Xunta de Galiza e a Deputación de A Coruña colaboran de diferente xeito nos actos de conmemoración desta efeméride.
Así mesmo, indican, salvando as diferenzas temporais, poderiamos afirmar que a situación dos servizos ferroviarios, nesta liña, están hoxe peor que hai 100 anos. A negativa a executar os investimentos para a modernización desta infraestrutura férrea, pese a contar con partidas destinadas a este cometido nos orzamentos xerais do estado, o estado do material rodante -moitas veces de segunda man- e a falla dun número adecuado de servizos provocan o esmorecemento desta liña.
O BNG indica que na actualidade os planos do Ministerio de Fomento pasan por desmantelar o tramo Ferrol- A Coruña ao reducir en 24 o número de frecuencias á semana. Segundo o borrador de reorganización das liñas elaborado polo Goberno central se pretende deixar en 42 o número de frecuencias semanais no tramo Ferrol- A Coruña, en lugar das 66 frecuencias que unen ambas as cidades cada semana. Ademais de non contemplarse investimentos para a mellora e modernización destes servizos ferroviarios.