O BNG considera o acontecido no pleno a expresión da impotencia e frustración das maiorias sociais
Ferrol 26 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que o acontecido onte no Pleno do Concello é a expresión da impotencia e a frustración dunha sociedade sometida ás políticas impostas por este goberno municipal que actúa como testaferro da centralidade española en todos os ámbitos, e aplica unhas políticas que están a provocar consecuencias dramáticas para esta sociedade: aumentando a cifra de desemprego de maneira exponencial, reducindo os ingresos das familias e co aumento dramático dos problemas de exclusión e pobreza extrema.
Para o BNG só a frivolidade e o feito de non cuestionar xamais as directrices marcadas desde a centralidade española explican que este goberno municipal continúe a ser cómplice do desmantelamento do sector produtivo básico da cidade seguindo os ditames da administración estatal que impide que desde aquí poidamos adicarnos á construción naval.
Só desta maneira se explica que se poida consentir a destrución dunha das nosas principais riquezas tanto económicas como medio-ambientais como é a ría de Ferrol mediante a construción dun viaduto que supón a morte da enseada da Malata.
Só desde esta perspectiva se pode entender que este goberno municipal permaneza pasivo fronte a ocupación por parte da administración do estado de máis do 20% do solo urbano do concello sen que os veciños e veciñas desta cidade reciban ningún tipo de compensación por este feito.
Só desta maneira se pode explicar a complicidade respecto do desmantelamento que o Ministerio de Fomento prepara ao respecto das infraestruturas ferroviarias no concello.
So desta maneira se pode explicar a imposición da suposta política de austeridade acaba traducíndose nun aumento da débeda e do pago de intereses derivada desta, aumentando as taxas, provocando que sexamos todos nós os que esteamos a traballar para salvar as entidades financieiras e as corporacións oligopólicas do estado español que na súa inmensa maioría son empresas coa súa sede en Madrid.
Desde o BNG consideramos que son estas razóns as que estan a converter a situación na que nos atopamos todos nós en insufríbel e que onte tiveron o seu reflexo no pleno do Concello de Ferrol