DENUNCIAN O ESTADO DE ABANDONO DO CAMPO NO QUE ADESTRAN E XOGAN TODAS AS CATEGORÍAS DO CLUB.

O BNG e o Club de Rugby Ferrol esixen a reparación do campo de rugby da cidade

Iván Rivas e Marta Grandal
Iván Rivas e Marta Grandal
O BNG e o Club de Rugby Ferrol esixen a reparación do campo de rugby da cidade

Ferrol 18 de febreiro de 2025. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, e Marta Grandal, presidenta do Club de Rugby Ferrol, denunciaron a lamentábel situación na que se atopan as instalacións municipais da Malata onde desenvolve a súa actividade este club e reclamaron ao goberno local que proceda a actuar de xeito inmediato e arranxe o campo que fai as funcións de campo de rugby municipal.

Marta Grandal, presidenta do Rugby Ferrol, denunciou o estado de abandono deste campo no que adestran e xogan todas as categorías dun club que conta con xoagadores/as desde os 6 anos até o equipo senior e que compiten en todas as ligas da federación galega.

Grandal indicou que o estado do campo é pésimo, está cheo de fochancas e lembrou que é un campo no que desde o 2015 só se lle botou un pouco de area como único mantemento. Advertiu do grave risco de lesións que isto conleva e que o club só ten promesas desde o ano 2015 de melloras do mesmo pero o concello nunca chega a desenvolver esas melloras, ou a promesa dun campo novo que tampouco se desenvolveu.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afirmou, pola súa parte, que esta situación contrasta coa actitude do goberno local e dun alcalde que está totalmente afastado da realidade e dos problemas do día a día da cidade e e neste caso dos clubes deportivos. Un goberno que leva máis dun ano e medio falándonos dunha cidade do deporte da que escasamente temos unha idea e mentres os clubes da cidade están a denunciar permanentemente problemas para poder desenvolver as súas catividade.

A reparación deste campo de rugby esta valorada en 40.000 € e descoñecemos se ao dia de hoxe o goberno local conta coa dotación orzamentaria para a súa execución. A pasividade do goberno local, en acometer este arranxo, está a acarrear significativos prexuízos a entidade, comezando polo risco crecente de lesións produto do estado do campo e rematando polas limitacións para poder organizar econtros e actividades deportivas.

Rivas instou ao goberno local a abandonar a política de apariencias e comezar a resolver os problemas da veciñanza. Todos e todas sabemos que a cidade do deporte é un proxecto que non se vai desenvolver neste mandato, que carece de proxectos construtivos e que precisa de moito debate e non pode servir como escusa para que as instalacións deportivas da cidade e os clubes permanezan no esquecemento durante os 4 anos do mandato.

E lembrou que esta non é a primeira demanda publica que un clube da cidade fai ao respecto das condicións en que teñen que desenvolver as súas actividades

O mes pasado faciámonos eco das demandas do atletismo Ferrol, as queixas respecto do estado da piscina de Caranza son recorrentes e mesmo a situación do complexo deportivo da Malata leva tempo agardando por unha solución.

O BNG e o Club de Rugby Ferrol esixen a reparación do campo de rugby da cidade