O BNG esixe melloras urxentes na estación de autobuses de Ferrol

Os nacionalistas queren que os servizos e horarios do transporte público sexan ampliados e mellorados
Ferrol 13 de febreiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol anunciou esta mañá que vai emprender iniciativas diante das administracións implicadas para conquerir a mellora da Estación de autobuses de Ferrol diante do evidente abandono que presenta esta instalación así como no necesario aumento de servizos e horarios das liñas que operan nela.
Mon Fernández, deputado do BNG, avanzou que vai instar à Xunta a xestionar a Estación de autobuses de Ferrol a través de persoal propio da estación que garanta información dos servizos durante os 7 días da semana, así como a apertura e boas condicións hixiénicas e de iluminación das portas, dos baños e da estación no seu conxunto.
Mon Fernández sinalou que o claro abandono da instalación por parte da Xunta de Galiza, titular da mesma, repercute negativamente en primeiro lugar no servizo que debería prestar ás persoas usuarias, que moitas veces non teñen onde informarse ou facer unha reclamación, mais tamén, en segundo lugar, nos resultados da xestión económica da instalación, facendo da estación de autobuses de Ferrol un lugar no que ningunha empresa está interesada en instalar un local comercial.
O BNG lembra que a estación de autobuses de Ferrol ten sido chamada na prensa local de “estación fantasma”. Indican que das tres portas hai dúas pechadas, a cafetería e os baños da entrada tamén están pechados,a limpeza, a iluminación, a sinalización e a información ás persoas usuarias son inexistentes ou moi deficientes.
De todos os locais comerciais que hai disponíbeis apenas un está ocupado. Mentres que na banda das oficinas destinadas ás empresas a venda e atención ao público de carácter presencial está limitada á oficina de MONBUS de 9h a 14h de luns a venres, e á oficina de ARRIVA de 15:30h a 19:30h, tamén de luns a venres. Polo que a estación se atopa practicamente sen presenza humana de luns a venres, e sen ningunha presenza humana durante as de fins de semana, coa maioría de locais e oficinas pechadas, nunha instalación pública, como dicía, que por causa do abandono da Xunta de Galiza, non conta nin sequera co nivel de limpeza ou de iluminación necesario, e que loce unha sinalización absolutamente pobre e exclusivamente en castelán.
ACTUACIÓN NO CONCELLO DE FERROL
Iván Rivas, portavoz municipal, quixo por en evidencia a demagoxia coa que actúa o Partido Popular con respecto ao transporte público na cidade e que se evidencia no continuo deterioro desta infraestrutura que cada día se acentúa máis. O mal estado da estación de autobuses e a súa contorna non deixa de ser unha metafora da situación na que se atopa o transporte urbano na cidade e onde os servizos non atenden as demandas dos usuarios e das usuarias
Vivimos nunha cidade cun transporte público de precariedade absoluta dos servizos ferroviarios e un deficiente transporte por estrada unha situación que xera problemas de tipo social e económicos.
Rivas avanzou que vai presentar unha moción no vindeiro pleno municipal para esixir ao Partido Popular que asuma as competencias que lle son propias tanto no ambito local, de adecuación dos acesos e a contorna, como que esixa á Xunta que cumpra coas súas obrigas e que preste un servizo acorde as necesidades dos veciños e veciñas de Ferrol.
Diante deste contexto vai sendo hora que o PP abandone a demagoxia, deixe de falarnos de estacións intermodais e comece a dar resposta as verdadeiras necesidades que teñen os veciños desta cidade a comezar por resolver o problema de conservación e mantemento no que se atopa a estación de autobuses.