O BNG chama a reaxir contra a discriminación de Ferrol no transporte público.
Ferrol 5 de setembro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, fixo esta mañá unha chamada a reaxir contra a discriminacion que sofre a cidade de Ferrol no transporte público e esixiu ao alcalde da cidade tome medidas ao respecto para defender os intereses de todos e todas as veciñas da nosa cidade.
Ivan Rivas, portavoz nacionalista, sinalou que o que está a acontecer co tema do transporte público na cidade resulta totalmente inaceptábel por abusivo xa que hoxe estamos a sufrir unha triple discriminación nesta materia. Ao non dispormos dun servizo ferroviario competitivo, sen apenas servizos e frecuencias coa cidade da Coruña ou a precaria situación do transporte por estrada que leva motivado infinidade de queixas e mobilizacións por parte dos usuarios e usuarias úneselle agora a discriminación tarifaria que fai que teñamos que pagar máis que outras cidades do noso país por este servizo.
O BNG advirte que o traxecto Ferrol-A Coruña por estrada ficou excluido das rebaixas que a empresa Monbus decidiu aplicar complementando às axudas que aplican as administracións públicas obrigando aos usuarios e usuarias da nosa cidade a pagar máis por este traxecto en comparación con outras viaxes de máis longo percorrido. Asi pois viaxar de Ferrol a Coruña por estrada custará 2,30€, fronte aos 0,37€ que custaría viaxar de Ferrol a Santiago ou os 0,70€ de Ferrol a Vigo.
Iván Rivas, portavoz do BNG, salientou que xa comeza a ser habitual este trato discriminatorio á nosa cidade en materia de transporte público, tanto por parte da Xunta e do Ministerio de Transporte como por parte das empresas concesionarias destes servizos, así como o silencio de Angel Mato diante de todas estas situacións que poñen á veciñanza de Ferrol en clara desventaxe.