O BNG censura ao goberno local pola marxinacion do galego no congreso “Ferrol Destino Patrimonio Mundial”

Ferrol 22 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol lamenta a actitude do goberno local con respecto á língua galega no transcurso do curso “Ferrol Destino Patrimonio Mundial” e censura que as representantes municipais decidiran marxinar a nosa lingua e facer todas as súas intervencións en español.
Maria do Mar lópez, concelleira do BNG, quixo lembrar à responsábel de patrimonio que a nosa lingua tamén é un ben patrimonial e que é obriga do goberno municipal promovelo, potencialo e empregalo por ser a lingua oficial do concello de Ferrol tal e como recolle a Ordenanza de Normalización Lingüística. Non se entende a responsabel deste simposio optara por non utilizar a nosa lingua no acto inaugural, o que demostra a pouca sensibilidade que ten para coa lingua galega.
O BNG, considera que o goberno local de Ferrol debería actuar como o elemento dinamizador da normalización lingüística no ámbito municipal, pero constata que existe unha excesiva relaxación, por non falar de animadversión, por parte dos membros do goberno local à hora de velar polo cumprimento da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística e a súa aplicación no conxunto de iniciativas impulsadas ou subvencionadas polo Concello de Ferrol.
Para o BNG o uso anecdótico da lingua galega tal como está a facer este goberno municipal só contribúe a aumentar a súa marxinalidade.
Esta actitude de desleixo reprodúcese respecto das súas responsabilidades en relación co patrimonio e o seu estado de abandono na cidade con respecto da situación da candidatura de Ferrol Patrimonio da Humanidade.
O BNG esixe ao goberno que máis que congresos, onde o propio goberno local minusvalora o noso ben patrimonial máis significativo como é a lingua galega, asuma as súas responsabilidades e constitúa dunha vez o obrigatorio ente xestor desta candidatura, demande da Xunta de Galiza que eleve ao Consello de Patrimonio Histórico a candidatura como é a súa obriga e esixa ao Ministerio que asuma a candidatura Ferrol patrimonio da Humanidade como candidatura oficial do Estado e lla remita ao centro de Patrimonio Mundial para solicitar á Unesco esta declaración.
É vergoñento a pasividade e indiferenza por deixación de responsabilidades tanto da Xunta de Galiza, como do Estado e do goberno local diante do feito de que tras máis de 20 anos a candidatura de Ferrol Patrimonio da Humanidade non se atope nin no listado de propostas que o ministerio eleva á Unesco para a súa posible declaración.