O BNG apresenta as súas propostas a revisión do Pacto pola Mobilidade
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que o pacto pola mobilidade subscrito no ano 2018 contemplaba uns principios, obxectivos e estándares que respondían a uns criterios de mínimos e que contemplaba a elaboración dun Plan de Accións prioritarias no marco deste Pacto. Tres anos despois semella que o obxectivo debe pasar por desenvolver as medidas e principios alí recollidos máis que redefinir o pacto subscrito en 2018 baixo un prisma que rebaixa aqueles acordos.
Ferrol 21 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol no marco dos debates que se están a desenvolver en relación a actualización do pacto da mobilidade fixo as súas achegas ao mesmo co fin de definir a mobilidade do concello no futuro e cordenala coa ordenanza de tráfico.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que o pacto pola mobilidade subscrito no ano 2018 contemplaba uns principios, obxectivos e estándares que respondían a uns criterios de mínimos e que contemplaba a elaboración dun Plan de Accións prioritarias no marco deste Pacto. Tres anos despois semella que o obxectivo debe pasar por desenvolver as medidas e principios alí recollidos máis que redefinir o pacto subscrito en 2018 baixo un prisma que rebaixa aqueles acordos.
Ademais é fundamental dotar economicamente as accións que se pretendan desenvolver e facelo baixo uns principios centrais que orienten e senten as bases desa mobilidade no futuro.
Así o BNG desenvolveu unha serie de criterios básicos que deben reflectirse neste documento. Para o BNG é necesario limitar o desenvolvemento de novas areas urbanizables no concello que provocarán máis gastos e investimentos en infraestruturas promovendo a rehabilitación do parque edificado actual.
Asi mesmo, é preciso reducir os aparcadoiros en superficie existentes recuperando ese espazo para a xente coa xeración de novas zonas verdes e espazo público como a parcela do Sánchez Aguilera.
Incrementar os servizos e frecuencias do transporte público por riba incluso da demanda actual co obxecto de fomentalo, no senso contrario ao que se ten feito até hoxe.
Promover os aparcadoiros soterrados para absorver a demanda residencial e os aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de transporte público para disuadir do uso do vehículo privado.
Fomentar a coexistencia de diferentes usos e mobilidade no espazo público que o enriquezan e doten de espontaneidade, combinado os tránsitos peonis cos ciclistas e con outros usos de lecer como correr ou xuntarse na rúa.
Así como efectivizar, dunha vez por todas, a peonalización integral do barrio da Madalena.
Contar con espazos exteriores de interrelación ou a demanda de lugares e percorridos para o tránsito peonil son outras necesidades do concello que a covid 19 deixou en evidencia.
Por todo isto pedímoslle ao goberno que teña en conta estes criterios, non só para definir o Plan de Mobilidade do concello senón tamén para modificar a ordenanza de tráfico proposta que insiste en promover espazos de aparcadoiro en superficie no barrio da Madalena e que cercena a liberdade e espontaneidade, impedindo a coexistencia de usos diversos do espazo público.