O BNG ALERTA DA LIQUIDACIÓN DO SECTOR NAVAL NA CIDADE
Ferrol 17 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera intolerable que o estado, a través da empresa Navantia, admitindo que o confinamento á construción militar dos estaleiros da ría de Ferrol supón a liquidación do sector na cidade, non pretenda afrontar o problema, tanto por parte do alcalde desta cidade como por parte do presidente de Navantia, da eliminación da prohibición aos estaleiros da ría para poder acceder ao mercado da construción civil e que o obxectivo sexa unha nova reestruturación para o principal sector produtivo desta cidade.
O BNG censura a inhibición e colaboración do alcalde de Ferrol respecto desta decisión do goberno do estado de liquidar de maneira definitiva o sector na ría de Ferrol e que esta a provocar a peor situación económica e social das últimas décadas nesta cidade.
Para o BNG pretender xustificar unha nova reestruturación derivada das decisións adoptadas con anterioridade, que confinaron o estaleiro ao sector militar, e que reduciron a súa plantilla, provocando o aumento dos gastos de subcontratación e os custes de subactividade por man de obra e instalacións non utilizadas e que provocan a descapitalización da empresa, é afondar nun proceso inciado 30 anos atrás e que agora o estado pretende acometer a súa liquidación final coa complicidade dos partidos estatais na cidade.