O BNG acusa ao goberno local de improvisación urbanística a respecto da peonalización da cidade
Ferrol 17 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que o goberno de Rey Varela continua coa súa política de carácter formal e aparencial respecto do modelo de organización urbana da cidade, tomando decisións que afectan ao mesmo, de xeito improvisado, ao tempo que non afronta os problemas estruturais e de fondo a nivel urbanístico do concello.
O BNG cuestiona o modelo en que o goberno municipal está a decidir a ubicación das terrazas nos espazos públicos de modo discrecional ao aprobar unicamente a ordenanza fiscal e ter paralizada a ordenanza urbanística que a regula e que con esta maneira de proceder pretenda agora estendelo a definición dos espazos peonís da cidade sen ter elaborado unha planificación para todo o ámbito urbano do trafico rodado e peonil e sen sometelo ao seu debate.
Neste sentido, o BNG, acusa ao goberno municipal de non acometer un proceso planificado para definir os ámbitos peonís e os de tráfico rodado da cidade e de adoptar constantes decisións baseadas na improvisación, como as últimas adoptadas respecto da peonalización de tramos de rúas e autorizacións concedidas para a instalación de terrazas.
O BNG considera, imprescindíbel, que calquera actuación neste ámbito debería ter definido uns criterios xerais tanto para o tráfico rodado como para o peonil, como para a definición das terrazas. Neste sentido o BNG esixe ao goberno local que presente a proposta de normativa urbanística que regula a colocación de terrazas na cidade, que ten elaborada desde o mes de abril, que se retirou da orde do día do pleno ordinario do mes de maio e que reiteradamente fica fora das ordes do día das sesións plenarias sen ningún tipo de explicación.
É por isto que o BNG acusou ao goberno de Rey Varela de permanecer na constante improvisación respecto dos problemas urbanísticos da cidade, adoptando decisións discrecionais, que como estas, rematan por xerar situacións discriminatorias.