O BNG afirma que Mato é unha rémora para mellorar as conexións ferroviarias da cidade

DSC_0073
Mobilización en defensa do ferrocarril
Desde o BNG cremos que xa basta de demagoxia e basta xa de desenvolver estudos sobre estudos que repiten o mesmo que xa coñecemos todos pero que non teñen ningunha implicación práctica. Por isto Iván Rivas esixe ao alcalde de Ferrol que deixe de facer estudos que xa existen e que se comprometa coa execución destas obras reclamándolle ao Estado compromisos económicos para facelos efectivos de maneira inmediata e urxente, 
O BNG afirma que Mato é unha rémora para mellorar as conexións ferroviarias da cidade

Ferrol 18 de febreiro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, considera que o alcalde da cidade é unha rémora para solucionar o problema das conexións ferroviarias da cidade e sinala que a reunión mantida no día de onte en Madrid con ADIF e o Ministerio de Transportes deixa en evidencia o ridículo dos estudos presentados pola súa parte ao longo dos últimos anos.

Uns estudos que ademais de reiterativos demostran que propoñer alternativas que implican que se destinen 700 millóns de euros para a renovación da conexión ferroviaria coa Coruña cando o Estado non propón nen un investimento mínimo de 20 millóns de euros para reducir os tempos de viaxe coa cidade da Coruña só se explica, ou ben, porque o Alcalde da cidade vive nunha realidade paralela ou ben porque o seu servilismo diante do goberno do Estado é tal que no canto de cuestionar a falta de dotación económica nos orzamentos para 2022 prefire avalar propostas fantasiosas como as recollidas neses estudos.

A actitude do Alcalde non significa nada novo xa que en 2008 e 2009 o BNG condicionou o seu apoio aos orzamentos do estado á modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña. Dotáronse 6 millóns de euros en 2008 e 15 millóns de euros en 2009 para a execución destas obras. Este diñeiro, ademais, tiña como obxecto deseñar un modelo homologado co resto do Eixo Atlántico, é dicir que contemplara: dupla vía , electrificación, compatibilidade de viaxeiras e mercadorías. Xusto o que hoxe nos quere vender o alcalde desta cidade como grande novidade.

Este proxecto licitouse en 2009 e estaba pendente de trámites administrativos para o seu desenvolvemento e execución, entre eles, o ditame do concello de Ferrol. Un ditame que se non se desenvolveu foi porque o goberno local daquel tempo, no que Angel Mato era responsábel de Urbanismo, paralizou a execución deste proxecto. Iván Rivas indicou que non se trata de facer revisionismo do pasado pero tampouco en continuar a facer demagoxia como até agora.

O BNG destaca que a realidade, a día de hoxe, é que nos orzamentos do estado deste ano 2022 non se inclúe ningún euro para a renovación desta infraestrutura ferroviaria de conexión Ferrol-A Coruña e o peor non é que non haxa dotación económica, senón que Ferrol está excluído de facto do Eixo Atlántico Ferroviario.

Desde o BNG cremos que xa basta de demagoxia e basta xa de desenvolver estudos sobre estudos que repiten o mesmo que xa coñecemos todos pero que non teñen ningunha implicación práctica. Por isto Iván Rivas esixe ao alcalde de Ferrol que deixe de facer estudos que xa existen e que se comprometa coa execución destas obras reclamándolle ao Estado compromisos económicos para facelos efectivos de maneira inmediata e urxente, para poder ter unha conexión ferroviaria áxil de saída da cidade de Ferrol que sexa compatíbel co tráfico de viaxeiras e mercadorías.

O BNG afirma que Mato é unha rémora para mellorar as conexións ferroviarias da cidade