O BNG acusa ao PP de querer limitar e censurar as actividades do tecido social de Ferrol

María do Mar López
María do Mar López
O BNG acusa ao PP de querer limitar e censurar as actividades do tecido social de Ferrol

Ferrol 6 de marzo de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou ao goberno local de querer censurar as actividades culturais e actos organizados polo tecido social da cidade mediante a presentación dunha proposta que regula os usos dos espazos culturais totalmente arbitraria que impón a censura, limita a capacidade de desenvolver eventos e favorece a convocatoria dos mesmos previo pago dunha taxa.

 

María Lopez, concelleira do BNG, salienta que o goberno municipal do PP presentou unha proposta na que se outorga, nun intento de implantar a censura previa, a decisión discrecional de autorizar a celebración de actividades nos epazos culturais da cidade. Unha proposta na que limita a cesión gratuita dos mesmos a tres días á semana, concretamente de martes a xoves e na que, así mesmo, só permitirá desenvolver unha actividade gratuita ao ano en espazos amplamente utilizados como por exemplo a capela do Torrente Ballester. Tamén se algunha asociación quere desenvolver un acto unha fin de semana só poderá facelo previo pago dunha taxa municipal, aínda que o espazo non tivera programado nada.

 

O feito de que se pagas pola utilización destes espazos non tes ningún limite para poder utilizalos, salvo que coincidan coa escasa axenda cultural municipal, evidencia que non existe un motivo real para esta nova regulación nunha cidade como Ferrol, cuxo tecido asociativo empregaba os espazos municipais con liberdade, con respecto e sen abusar o que supuña unha cualidade positiva da nosa cidade.

 

María López, concelleira nacionalista, pediulle ao goberno municipal que renuncie e esta iniciativa xa que esta forma de proceder do goberno local de Rey Varela supón botar por terra unha forma de actuar do concello de Ferrol, unha forma de xestionar os espazos culturais da cidade aberta e participativa que posibilitaba ao tecido asociativo da cidade a posibilidade de desenvolver a súa actividade.

 

O BNG acusa ao PP de querer limitar e censurar as actividades do tecido social de Ferrol