O BNG acusa ao PP de "non ter vergonza" cos orzamentos da Xunta para o 2022..
Iván Rivas, portavoz nacionalista, considera preocupante que o Partido Popular se presente ano tras ano diante da sociedade de Ferrol alardeando duns investimentos case inexistentes, que no mellor dos casos, son os mesmos investimentos que se consignan ano tras ano pero que nunca se executan.
Ferrol 21 de outubro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, considera que ao Partido Popular e ao señor Rey Varela debería caerlle a cara de vergonza por defender a proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2022 tras a propaganda desenvolvida desde principios de ano polo presidente da Xunta de Galiza a través o Pacto de Estado para Ferrol que se demostrou que non era máis que un engano e que se demostrou que aqueles supostos incrementos de investimentos na cidade para paliar a situación na que estamos a vivir non era máis que mentiras.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, considera preocupante que o Partido Popular se presente ano tras ano diante da sociedade de Ferrol alardeando duns investimentos case inexistentes, que no mellor dos casos, son os mesmos investimentos que se consignan ano tras ano pero que nunca se executan.
Desde o BNG preguntámonos onde queda o compromiso acadado entre o PP na Xunta de Galiza e o PSOE no concello de Ferrol para o saneamento na zona rural da cidade. Os 100.000 euros consignados nestes orzamentos son os mesmos que existían noa no 2021. Unha cantidade que ademais de non terse executado ao longo de todo este tempo confirman que a dotación económica que existe para o saneamento da zona rural está moi lonxe dos supostos 3 millóns que aportaría a xunta de Galiza e dos supostos 9 millóns que implicaría o proxecto de saneamento para a zona rural de Ferrol.
Ademais que seguen sen ningunha intención de reducir os custes medioambientais e económicos da súa xestión mediante transformación deste sistema de saneamento nunha rede separativa. Así mesmo, preguntámonos como se pode presumir dun investimento da Xunta de Galiza, os 900.000€ previstos para o río Sardiña cando proveñen exclusivamente de fondos europeos complementados coa aportación municipal.
O BNG sinala que con respecto a ría non existe un só euro previsto para desenvolver o estudo que reclaman as confrarías sobre os fondos da ría e que permitiría acometer a súa rexeneración. Non está contemplada a súa execución nin por parte da Consellería do mar nin por parte da empresa a quen lle correspondería desenvolver este estudo, o Instituto Tecnolóxico para o Medio Mariño.
O BNG non entende como se pode sacar peito polo ridículo investimento que supostamente se pretende adicar para a estación intermodal, estamos a falar de 154.000 euros que en comparación co previsto par o resto de cidades ( A Coruña 4,09M/ Pontevedra 0,3M/ Vigo 2,68M/) demostra a nula intención en mellorar a mobilidade por parte da Xunta na cidade, ao mesmo tempo que se están a desmantelar as conexións ferroviarias da cidade a pesar de que o Presidente Feijóo chegou a pactar co Ministro de Transportes que esta cuestión se “incorporaría a axenda”.
Así mentres a Xunta destina 628. 000 euros para a renovación de paradas, en Ferrol temos pagalas os veciños e veciñas produto da sinatura do Plan de transporte metropolitano.
En canto a Consellería de Sanidade Fora do proxecto eterno do Plan Director do CHUF non hai nada para a mellora dos centros de saúde mentres que o PP segue a enganar aos veciños de San Xoán coa construción dun centro de saúde que non existe nos orzamentos.
Iván Rivas considera que estes orzamentos unido aos orzamentos do Estado non fan máis que confirmar que o proxecto político do bipartidismo harmónico do PP e do PSOE está esgotado e que ademais xa non esconden a marxinación a que están a someter a esta cidade a través destes proxectos de orzamentos.
…