O BNG alerta das deficiencias do mantemento eléctrico na cidade e propón medidas para mellorar o servizo
Iván Rivas, portavoz nacionalista, indicou que diante da situación na que se atopa este servizo tanto polo estado das instalacións eléctricas como no que atinxe aos traballos de mantemento e conservación destas infraestruturas é preciso que se tomen medidas urxentes para reverter esta situación.
Ferrol 18 de outubro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, compareceu esta mañá acompañado de Arturo Moldes, delegado dos traballadores da empresa de mantemento eléctrico, e Vicente Vidal, da CIG, para abordar a situación na que se atopa o servizo de mantemento eléctrico no concello de Ferrol, que cada vez se atopa nunha situación de maior precariedade e presentar a moción que defenderán no pleno de fin de mes sobre aplicación de melloras neste servizo municipal.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, indicou que diante da situación na que se atopa este servizo tanto polo estado das instalacións eléctricas como no que atinxe aos traballos de mantemento e conservación destas infraestruturas é preciso que se tomen medidas urxentes para reverter esta situación.
A iniciativa que presentará ao pleno o BNG busca acadar un compromiso por parte do goberno local para que asuma a necesidade de realizar investimentos na renovación, no seu control e na vixiancia das instalacións eléctricas existentes na actualidade, o compromiso explicito do goberno local para dotar a este servizo de cando menos 15 traballadores para desenvolver estes traballos, que no momento actual serán mediante acordos coa empresa que esta a prestar o servizo a día de hoxe e ademais, tendo en conta a experiencia coa que contamos, consideramos que compre que empecemos a decidir cal é a alternativa para desenvolver estes traballos no futuro e que desde o BNG cremos pasa porque asumir a xestión directa deste servizo por parte do Concello.
Situación actual
O BNG lembra que cada vez hai mais zonas da cidade cun alumeado deficiente. Hai ámbitos da cidade que carecen, a día de hoxe, de iluminación eléctrica como o paseo da Malata, a zona do Boial, a rúa Doadores de Sangue os con fallos reicidentes como pode ser o barrio de Recimil. Asi mesmo sinalar que desde mediados do mes de agosto até a semana pasada o concello tivo que asumir un custe de 79.343,54€ produto da necesidade de ter que repoñer o cable que foi roubado destas infraestruturas.
Cada vez se fai, tamén, máis evidente produto das demandas que están a facer os veciños e veciñas desta cidade de problemas derivados do funcionamento da iluminación publica da cidade e é que contamos cunha infraestrutura obsoleta. Non só na parte visible que son as luminarias senón obsoleta na parte que ten que ver coa infraestrutura que vai soterrada, o cableado ao longo da cidade que estabelecen as conexións destas luminarias e que provoca que cada vez denuncian máis avarías nestas instalacións.
Os traballos de mantemento e reparación son realizados por un colectivo de traballadores que a día de hoxe se atopan nunha situación de precariedade absoluta. O contrato de instalación eléctricas, a día de hoxe, está caducado e polo tanto se está a prestar este servizo sen contrato e nesa situación os traballadores adicados a resolver estes problemas cada vez son menos. A día de hoxe contan con 9 persoas para estes traballos e unha parella deses 9 está adicada exclusivamente a iluminación de nadal.
Diante desta situación, Iván Rivas defendeu que vai sendo hora de adoptar decisións que palien a situación e resolvan o problema no futuro. En primeiro lugar deberiamos desenvolver un investimento que permita renovar as infraestruturas de alumeado público na cidade e non limitarnos exclusivamente ao ámbito máis visíbel senón abordar o problema de forma integra. É fundamental, tamén, que desde o concello de Ferrol se asuma a necesidade de vixiar e controlar as instalacións eléctricas que existen a dia de hoxe co obxecto de evitar o roubo de cable. E, así mesmo, tendo en conta que no concello de Ferrol existen 18.000 puntos de luz é básico e prioritario que contemos co persoal suficiente e cos medios necesarios para desenvolver os traballos de mantemento e conservación destas instalacións. Que contemos con ese persoal a dia de hoxe e que ademais estabelezamos criterios para o futuro que permitan asumir estes traballos concerta eficacia para iso cando menos deberiamos contar con 15 persoas destinadas a eses traballos que é algo que a día de hoxe non se está a cumprir.
Arturo Moldes
Arturo Moldes, delegado dos traballadores da empresa de mantemento eléctrico, sinalou que o servizo que están prestando está totalmente en precario. Actualmente no plantel somos 15 traballadores, 12 oficiais na rúa e 3 administrativos. A día de hoxe, o venres xubílase un compañeiro e non sabemos se será substituído e cuberta esta baixa. Asi mesmo, tamén temos 2 compañeiros máis de baixa laboral de longa duración, polo que somos 9 traballadores que estamos ao 100%.
Entre as avarías que se producen, os roubos de cable e todo o que temos non damos feito o servizo como quixeramos, sobre todo por falta de persoal. Nós solicitamos que se cubran as baixas de persoal e que as infraestruturas, como dixo Ivan Rivas, que se melloren un pouco porque non é o mesmo que se poñan unhas pantallas leds se resulta que o cableado está defectuoso desde hai moitos anos.
…