O BNG acusa ao goberno local de agochar información para limitar o debate dos orzamentos 2021.

Ivan Rivas
Ivan Rivas
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinala que o goberno local pretende facer un debate parcial sobre a política económica municipal na que nin a política de persoal, nin a xestión de EMAFESA, nin o reparto do diñeiro público mediante subvencións públicas se poñen, cando menos, enriba da mesa.
O BNG acusa ao goberno local de agochar información para limitar o debate dos orzamentos 2021.

Ferrol 9 de maio de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol afirma que a documentación achegada polo goberno local ao grupos non é un orzamento, é unha lista de gastos e ingresos que dista moito de ser unha proposta orzamentaria ao carecer dos documentos máis básicos para poder levalo adiante e que pretende deixar fora do debate temas fundamentais para a cidade.


Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinala que o goberno local pretende facer un debate parcial sobre a política económica municipal na que nin a política de persoal, nin a xestión de EMAFESA, nin o reparto do diñeiro público mediante subvencións públicas se poñen, cando menos, enriba da mesa.


Para o portavoz municipal do BNG vai sendo hora de que nesta cidade afrontemos os debates sen limitacións de partida e coa documentación achegada demostrase que o PSOE pretende converter o debate orzamentario nun intercambio de cromos de investimentos sen abordar os problemas de fondo da cidade.

A proposta carece de memoria do orzamento onde se recollan os obxectivos do mesmo para 2021. Non contén as bases de execución onde se decide como se executa o orzamento e que implica a maneira en que se xustifican os gastos polos diferentes colectivos da cidade ou as competencias do goberno para tomar decisións por si mesmo sen recorrer ao pleno.


Tamén carece do cadro de persoal onde se describan que incorporacións ou baixas se pretenden desenvolver e sendo a carencia de traballadores unha das necesidades máis básicas deste concello semella que para o goberno local é un mero trámite. Ademais nin se recolle o ditame da mesa de negociación cos sindicatos pese a ser unha obriga do goberno desenvolver previamente á presentación do orzamento esta negociación.


Tampouco incorpora o anexo de subvencións nominativas nin o anexo de convenios que se pretenden subscribir durante este ano 2021 pese a ser un aspecto moi cuestionable da política económica municipal, que continúa a fomentar unha política clientelar baseada na distribución discrecional do diñeiro público mediante subvencións nominativas mentres as de concorrencia supoñen uns importes ridículos en comparación con estas.


O BNG sinala que tamén descoñecemos cal é a política económica nin a xestión que se propón para a empresa EMAFESA ou que investimentos desenvolverá, como o saneamento na zona rural, dado que non se incorpora o orzamento desta empresa nin tampouco da empresa de turismo, pese a que debería formar parte obrigatoria da documentación do orzamento 2021.


Xa por último, a documentación que se achega carece dos mínimos documentos de fiscalización económica, como o informe sobre o estado da débeda municipal ou o informe económico financeiro, o avance da liquidación de 2021 e a liquidación de 2020 ou o informe da intervención municipal respecto do orzamento xeral.


Por estes motivos Iván Rivas considera que a documentación achegada dista moito de ser un documento orzamentario porque deixa fora do debate cuestións básicas como a a política de persoal municipal, o reparto do diñeiro público mediante subvencións nominativas e os criterios para facelo ou a xestión de empresas como EMAFESA que recibirán 9M de euros para desenvolver a súa actividade en 2021 por parte dos veciños e veciñas da cidade e aos que se lles oculta a que se destina este diñeiro e porque.


Por estas razóns Iván Rivas pídelle ao goberno que non censure nin limite os debates dando por suposto que hai temas como a xestión do ciclo da auga, o persoal municipal ou a distribución do diñeiro público sobre os que nada hai que dicir.

O BNG acusa ao goberno local de agochar información para limitar o debate dos orzamentos 2021.