O BNG acusa ao alcalde de enganar aos veciños e veciñas de Santa Mariña
Ferrol 15 de decembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou esta mañá ao alcalde de Ferrol de enganar á opinión pública e aos veciños e veciñas de Santa Mariña con respecto a participación de ADIF e o goberno central no finaciamento do proxecto de mellora do entorno das vías de ferrocarril no barrio de Santa Mariña e a súa conexión co ensanche.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG de Ferrol, exixe do alcalde desta cidade que, explique cal é a cantidade exacta que vai investir o Estado neste proxecto, cando vai facer ese investimento, e que ademáis aclare porque afirmou que os orzamentos xerais do estado reservaban unha partida millonaria para este proxecto cando a realidade é que tanto o goberno central como ADIF non confirman estas declaracións e se limitan a indicar que para este proxecto podería estabelecerse un Convenio de Colaboración no que se reflictan as condicións de execución de ditas obras.
O BNG demanda do alcalde desta cidade que aclare se vai a continuar obviando os problemas de desprendimento no vial municipal con riscos evidentes de seguridade para os veciños e veciñas da cidade, e se vai a permanecer en silenzo fronte á resposta do Ministerio na que parece non considerar urxente executar o muro de contención que evitaría os desprendimentos actuais e na que asegura que a causa deses desprendimentos é que aquí chove.
O BNG, tras as declaracións do alcalde da cidade o pasado mes de outubro, presentara unha iniciativa no Congreso dos Deputados interesándose sobre esta cuestión, na que se incida en coñecer se existía orzamento para estas obras, se se ía asinar un convenio de colaboración e a disposición do Ministerio para solucionar de maneira definitiva este problema que se agrava especialmente en época de chuvias.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG de Ferrol, tras a resposta ofrecida por ADIF à iniciativa da Deputada do BNG, Rosana Pérez, considera que o anuncio feito polo goberno local obedece à política aparencial e de propaganda que caracterizou o mandato de Rey Varela.
O BNG considera unha burla o comportamento deste goberno municipal que fronte a presión exercida polos veciños e veciñas da zona logo de meses de mobilizacións, a súa resposta fose facer un anuncio sen financiamento, nen tempos de execución, co obxectivo exclusivo de paralizar as mobilizacións veciñais.
O BNG reitera e esixe que se acometan, con urxencia, os traballos precisos que garantan unha mínima seguridade na zona. Trátase de acometer obras de carácter urxente na pasarela peonil e no firme da rúa Loureiro nos tramos onde o firme xa cedeu e persisten os riscos de desprendementos de terra que supón unha elevada perigosidade para os peóns que transitan pola zona.