O BNG promoverá unha bolsa de locais comerciais baleiros xestionada polo propio Concello.
Ferrol 4 de marzo de 2015. Iván Rivas, candidato à alcaldía de Ferrol polo BNG, mantivo na tarde de onte un encontro con propietarios de baixos e vivendas baleiras do noso concello na que avaliaron a situación actual dos mesmos, coa obrigatoriedade de pagar polo lixo, o auga e o saneamento das mesmas, e na que lles informou das propostas do BNG en relación con esta situación.
As propostas do BNG pasan pola creación dunha bolsa pública de baixos baleiros, a aplicación dunha política fiscal progresiva na que pague máis quen máis ten e a adopción de medidas estruturais en relación coa fiscalidade municipal, como a redución do volume de lixo que se xera na cidade co obxectivo de reducir os custes do canon de Sogama, que o Estado abone unha compensación ao concello pola ocupación de máis do 20% do solo urbano do Concello e que o Estado asuma os custes da taxa de saneamento por ser da súa competencia.
Iván Rivas, portavoz do BNG, defendeu a creación dunha bolsa de locais comerciais baleiros, xestionada polo propio Concello.
Os propietarios de locais comerciais baleiros terían a posibilidade de ceder a xestión do seu baixo ao Concello, de tal xeito que o concello xestionaría o aluguer destes locais a prezos asequibles e disporía dunha bolsa de baixos baleiros ao longo da cidade, e os propietarios dos baixos baleiros recibirían bonificacións nas taxas e impostos municipais si o local pasa à bolsa pública de aluguer e gravando a quen permita que os seus baixos caian en desuso.
A creación desta bolsa para facilitar o acceso a locais comerciais na cidade a prezos asequibles deberá ir acompañada de outras medidas de cara a promover o pequeno comercio na cidade, como limitar a execución de grandes superficies comerciais na cidade, para dinamizar o pequeno comercio e se referiu a ameaza que supón o contentor comercial proposto no Plan Especial do Sánchez Aguilera onde o BNG quere redesitribuir os seus usos.
Ademais, Iván Rivas afirmou neste encontro que é unha evidencia que o goberno municipal de Ferrol, contrariamente ao que afirma, leva aumentando as taxas e impostos municipais de xeito exponencial durante os catro anos do seu mandato. O BNG lembrou que se teñen producido subas permanentes da taxa de saneamento ao longo destes anos, até triplicar o seu valor, e que se pretenden prolongar durante 45 anos máis, e que se suman aos incrementos sufridos na taxa de recollida de lixo vinculada ao canón SOGAMA, ou aos producidos no IBI,ou a expedición de documentos, entre outros.
Fronte a esto o BNG defende por unha parte, a aplicación dunha política físcal progresiva na que a mesma se axuste à realidade económica de cada persoa e se implementen bonificacións fiscais enfunción dos recursos económicos das persoas. E por outra a adopción de medidas estruturais respecto da fiscalidade municipal que resolvan os problemas de ingresos que padece este Concello e reduzan a carga impositiva dos veciños e veciñas da cidade.
Neste aspecto, resulta imprescindible que a administración estatal compense económicamente a esta cidade pola ocupación de máis do 20% do solo urbano do Concello que non paga ningún tipo de imposto e que asuma os custes derivados da construción e posta en servizo da infraestrutura de saneamento tal e como fixo no resto de cidades do Estado.
Asi mesmo desde o BNG considerase preciso que desde o Concello se aposte por outro modelo da xestión do lixo, apostando pola redución do volume de lixo que se envía a planta de SOGAMA, mediante procesos de compostaxe, co que se reducirán os custes económicos ao reducir as cantidades de lixo que achegan á planta incineradora, e que axude a fomentar emprego na cidade