PP e PSOE aprobarán un "Plano para Recimil" reaccionario e propagandístico
Ferrol 27 de outubro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol cualifica o documento presentado polo goberno municipal para o barrio de Recimil como un plan propagandístico, reaccionario, cheo de cinismo, prexuízos, e baleiro de contidos.
Para o BNG este plano proposto para o barrio de Recimil, polo goberno local, é un documento fondamente propagandístico dentro da liña política desenvolta por este goberno municipal ao longo de todo o seu mandato e que se ven a sumar a unha lista de planos sen dotación orzamentaria e sen concreción na realidade como os xa tristemente famosos plano de barrios ou Ferrol 2020, e no que o prazo de 6 meses que se habilita para iniciar o proceso de regularización coincide co tempo que resta de aquí a celebración das eleccións municipais.
O BNG, quere sinalar tamén os prexuízos e o cinismo que alberga o contido dun plan que califica aos adxudicatarios e adxudicatarias destas vivendas e ao barrio en sí como unha carga para o resto da cidade.
O documento presentado é un plan baleiro de contidos, sen planificación para a rehabilitación do barrio e que non cuantifica economicamente como desenvolver este proceso de rehabilitación e renovación do barrio e do que a área de urbanismo e rehabilitación como a de benestar están ausentes, que non define o destino da propiedade das vivendas e que non ten obxectivos en materia de vivenda máis que actuar no ámbito administrativo e facelo con todos os prexuízos dun goberno alleo aos problemas dos veciños e veciñas da cidade que continúa a pesar que neste pais e nesta cidade non acontece nada novo e todo se resolve mantendo as aparencias, e mediante a propaganda.
Un Plan que esconde a máis reaccionaria concepción ideolóxica respecto da necesidade de acceso á vivenda por parte dos veciños e veciñas desta cidade, facendo responsable a toda unha familia das decisións dun membro desa familia.
Un plan que impide o acceso a estas vivendas a persoas que foran desafiuzadas de vivendas públicas municipais, ao marxe das causas polo que se producise o desfiuzamento e que implica que ningún dos integrantes dese núcleo familiar teña dereito ao acceso a estas vivendas por esa causa.
Un plan que impide o acceso a estas vivendas a familias nas que unha persoa que no momento actual viva de aluguer, senón gasta o 40% dos seus ingresos en pagar este aluguer, de xeito que unha persoa que gañe 650 euros ao mes, con persoas ao seu cargo ou non, non poderá acceder a estas vivendas senón paga máis de 260 euros de aluguer ou se vive nunha vivenda con máis de 10 m2 de espazo habitable ( o equivalente a unha habitación) se vive soa, ou 20 m2 se vive con alguén ou 30 m2 se son tres os membros da unidade familiar.
Un plan que obriga a someter as familias que pretenda acceder a unha vivenda no barrio a avaliación da boa conduta de todos os seus membros sen que, ademáis, estean definidos os límites da boa e mala conduta.
Un plan cheo de cinismo que pretende desvincular a adxudicación de vivendas dos servizos sociais cando establece restriccións económicas equivalentes ás que se establecen desde a área de benestar e que ademáis non conlevan aparellado a este proceso de regularización ningunha dotación económica para a rehabilitación das vivendas e do barrio e que no culmén da hipocresía, despois de non invertir nada nos xa case 4 anos de mandato do PP e de non executar nin as mínimas dotacións económicas que este mesmo goberno municipal consignou para este barrio nestes anos, pretende agora que os propios adxudicatarios realicen as obras se teñan vontade para facelo, eximíndose da súa responsabilidade como administración pública dunha das súas obrigas, facendo deixación das súas funcións e deixando as claras que non se vai a desenvolver ningunha proposta para o barrio máis que este plan propagandístico transferindo esta responsabilidade aos adxudicatarios e adxudicatarias.