Deitemos luz contra o confusionismo e a demagoxia no que teñen ao noso sector naval
Ferrol 21 de novembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol deu comezo esta maña a unha campaña Informativa sobre a situación do sector naval na cidade que sirva para sair deste proceso de confusionismo e demagoxia que existe sobre o sector naval da cidade, cuns obxectivos moi concretos que desenvolveremos a través dun documento a debatir no pleno da corporación para que todos os grupos políticos do Concello se posicionen sobre o mesmo e concretar unha saida para a situación deste sector estructural dentro da economía da cidade e da comarca.
Para o BNG o actual baleirado de gradas pretende xustificar un novo plano de reestruturación coa conseguinte reducción da capacidade produtiva, de persoal e redistribución da producción en detrimento dos asteleiros da ría.
Iván Rivas, portavoz municipal, sinalou os obxectivos a clarificar que se fundamentan en:
1.-Dotación inmediata de carga de traballo nas diferentes actividades tanto de construción naval como nas outras, turbinas, por exemplo.
2.-Oposición a todo novo plano de reestruturación, dentro do proceso de reestruturación permanente que vimos padecendo desde xa hai moitos anos .
3.-Oposición á amortización (desaparición) dos postos de traballo que, caso de pactaren os sindicatos estatais calquera tipo de redución dos cadros de persoal (prexubilacións, baixas incentivadas en condicións xustas), deben mantérense para seren ocupados polos traballadores despedidos das Compañías Auxiliares e os mozos e mozas en paro.
4.-Acceso real a todo tipo de produción naval, non só ao monocultivo militar, que, nas circunstancias actuais, dada a situación e posibilidades neste mercado, tanto doméstico como exterior, só pode levar ao deterioro progresivo ou liquidación dos nosos estaleiros.
5.-Eliminación inmediata do absurdo veto actualmente existente respecto da construción naval civil así como da súa limitación ao 20% da facturación da Empresa, consecuencia do anterior plano de reestruturación (2005), pactado entre os sindicatos estatais, a Dirección da Empresa, o Goberno central e a Unión Europea.
6.-Dotación no centro de Fene do persoal de xestión, técnico e produtivo necesario para posibilitar a realización de proxectos no ámbito da construción naval (buques mercantes, offshore), como acontecía en tempos anteriores.
7.-Oposición ao irracional modelo de produción consistente en realizar bloques por determinados centros, que sofren logo desprazamentos a moita distancia, elevando custes de produción, servindo só para provocar prezos de transferencia entre o centro xestor do proxecto e outros centros auxiliares, a favor do primeiro, empeorando os resultados nos segundos.
8.-Creación de Unidades territoriais cunha Dirección única e competencias completas de xestión e responsabilidade, permitindo optimizar os resultados dos centros e maximizar as sinerxias entre os dunha mesma Unidade e, como derivación, do conxunto da Empresa. Xa hoxe a propia contabilidade por centros reflicte o mellor comportamento dos nosos estaleiros.
9.-Presenza da Xunta de Galiza no Consello de Administración da Empresa, posibilitando a súa participación no capital social.
10.-Consolidar a situación financeira da Empresa, superando o gravísimo desequilibrio existente, a través do incremento de capital suficiente para facerlle fronte.
Se o pobo galego puidese decidir, se tiver soberanía, teríamos capacidade para solucionar os problemas deste sector, como os doutros en evolución negativa, por causa da dependencia do Goberno central e os seus pactos coa Unión Europea. Temos que aspirar a poder responsabilizarnos directamente para poder defender os nosos intereses vitais.