A ALTERNATIVA PARA SUPERAR O FERROL DEPRIMIDO POLO MALTRATO DAS POLÍTICAS DO GOBERNO CENTRAL
Ferrol, 8 de Xaneiro 2015.-Unha candidatura nova e ilusionada como alternativa para un Ferrol deprimido por anos de maltrato das políticas do Goberno central que simboliza o espírito de defensa clara dun proxecto de país. Así definía o portavoz nacional, Xavier Vence, a alternativa que representa BNG-Asembleas Abertas para a cidade de Ferrol na presentación do primeiro tramo dunha lista que encabeza Iván Rivas.
Vence subliñou o proceso de participación social para a conformación da candidatura que desde o BNG abrimos á cidadanía a través das asembleas abertas e que hoxe nos permite estar acompañado de tres persoas que proceden da base social nacionalista e de esquerdas, que non teñen carné do BNG pero que ven nesta forza política a alternativa para empezar a transformar este país desde os concellos.
O dirixente nacionalista facía referencia á condición de independentes de Eva Espiñeira, María Pilar Pazos e Bárbara Lamas que, xunto con Xulio Rodríguez, acompañan a Iván Rivas no primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas en Ferrol.
Candidatura de gran renovación, con xente nova que se presenta ante a cidadanía que quere un cambio profundo nas políticas regresivas e neoliberais do PP. É a oportunidade para pasar páxina do PP en Ferrol, salientou Vence, quen confía en que os comicios municipais de Maio sexan o punto de partida da recuperación do proxecto nacionalista, porque se necesita como auga de maio para sacar adiante unha cidade desmantelada polo maltrato das políticas do PP, insistiu.
O cabeza de lista apelou á dignidade, orgullo e a autoorganización para dar un cambio de rumbo e recuperar o futuro de Ferrol, poñendo fin a gobernos municipais calados, cómplices e submisos con Madrid, pese a que desmantela o principal sector produtivo, obriga a sufragar a rede de saneamento pero non paga un só euro á cidade aínda que ocupa o 20% da superficie, ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias e reduce a súa aportación económica a Ferrol.
Para Rivas é o momento de mudar eses gobernos locais submisos por outro fiel aos intereses dos veciños e veciñas, recuperando a autoestima da cidade e valorando a propia cultura. Para iso, é preciso tomar as nosas propias decisións en función dos nosos intereses, sen directrices de organizacións políticas dirixidas desde Madrid.
Transporte público adaptado ás necesidades e frecuencias dos usuarios de Ferrol, mudar o sistema de xestión de residuos e da enerxía ou investir recursos en recuperar o patrimonio inigualable da cidade foron algunhas das propostas enumeradas polo candidato.
Ferrol de primeira
No acto de presentación tamén interviu a número dous, Eva Espiñeira, quen subliñou a súa condición de independente e a súa decisión de incorporarse á candidatura tras participar no proceso de asembleas abertas, un proceso colectivo, unha forma diferente de participación política na que todos e todas podemos colaborar e facer as propostas sobre o modelo de cidade que queremos, explicou.
Somos un reflexo da sociedade ferrolá e da pluralidade que persegue o Bloque, indicou, tras salientar a presenza de tres mulleres no primeiro tramo da candidatura. Non queremos resignarnos senón participar no cambio e construír a cidade que queremos e merecemos, unha cidade de primeira, concluíu.
Na súa intervención o número dous, Xulio Rodríguez, salientou que a candidatura BNG-Asembleas Abertas non se pon límites nas súas expectativas de cara a cita electoral. O traballo nos barrios, a defensa do comercio local e frear a sangría da emigración entre as preocupacións dunha candidatura referente da defensa do noso, concluíu.
Candidatura BNG-Asembleas Abertas Ferrol. Primeiro tramo.
1.- Iván Rivas Rico
2.- Eva Espiñeira González
3.- Xulio Rodríguez Díaz
4.- María Pilar Pazos Casal
5.- Bárbara Lamas Rei