A plataforma en defensa dos camiños de ferro convoca un cortexo reivindicativo

A plataforma en defensa dos camiños de ferro convoca un cortexo reivindicativo

 

Ferrol 2 de maio de 2013. A plataforma pola defensa dos camiños de ferro de Ferrolterra convoca o vindeiro domingo, día 5 de maio, un cortexo reivindicativo para reivindicar a modernización da infraestrutura e dos servizos ferroviarios na nosa comarca, que partirá às 11 horas da praza de España de Ferrol (diante da biblioteca municipal) para rematar na estación de ferrocarril.

Este acto reivindicativo, faise coincidir cos actos oficiais de comemoración do centenario da liña ferrea Ferrol-Betanzos, como xeito de manifestar diante das autoridades que asistirán a este acto xa que entendemos que conmemorar a chegada do ferrocarril a Ferrol pasa, antes do que nada, por reivindicar a modernización da infraestrutura e dos servizos algo vital e urxente se queremos non perder o tren.

Lembramos que o goberno español négase a modernizar a conexión ferroviaria de Ferrol con A Coruña e o resto de Galiza e disponse a reducir o número de servizos de media distancia de cinco a tres no mes de xuño.

É neste contexto no que se vai celebrar o centenario da chegada do ferrocarril a Ferrol en 1913. Naturalmente recorren ao erario público, gastando nestes fastos diñeiro dos cidadáns, que sae das arcas municipais e da Xunta.

Cremos que resulta unha burla para o pobo de Ferrol e a súa comarca esta celebración mentres o abandono da infraestrutura impide calquera mellora sensíbel dos servizos e unha perspectiva certa, á altura das necesidades, para a conexión por ferrocarril, tanto de mercadorías como de viaxeiros. O Goberno de Madrid, a Xunta e o Goberno municipal, todos eles do PP, deben pensar que somos masoquistas.

Digamos non á burla e rebelémonos contra o masoquismo, é por isto que animamos a acudir á conmemorar os 100 anos da chegada do ferrocarril a Ferrol, reivindicando esas melloras vitais e urxentes.

A plataforma en defensa dos camiños de ferro convoca un cortexo reivindicativo