Iván Rivas “ Vai sendo hora de que fagamos algo máis que resistir”.

presentacion03
presentacion03
Iván Rivas “ Vai sendo hora de que fagamos algo máis que resistir”.

Esta foi a chamada de Iván Rivas nun acto ateigado de persoas e colectivos da cidade, persoas e colectivos implicados nas reivindicacións dun BNG de Ferrol que se está a converter na voz dos veciños e veciñas. Nunha cidade que sofre un dramático abandono a voz de Iván Rivas pronúnciase para frear a inercia e o desmantelamento “Sábeno os veciños e veciñas do Bertón, de Santa Mariña, de Mandiá, de Caranza, de Brión, de San Felipe, etc, etc. Aos e ás que aproveito para saudar porque estou a velos por aí. Sabedes que aquí ninguén nos vai a regalar nada. Eu ofrézovos un lugar onde pelexar."

 

O acto contou coa participación da portavoz nacional Ana Pontón que se dirixiu ao público para dicir que “Temos que darlle a volta a esta situación porque Ferrol é unha das cidades con máis potencial de Galiza, cun importante patrimonio, cunha importante riqueza na súa ría que podería aproveitar mellor, pero para iso necesitamos que no concello existan persoas con ideas claras e cun proxecto de cidade que aproveite todo o potencial que ten Ferrol”. Rivas é unha desas persoas, sinalou.

 

O evento abriu coa actuación de Roger de Flor, que o propio Rivas presentou como a dignificación e o agarimo a Ferrol. Moi distante deses que se emocionan con letras como as que din que en “Ferrol perder é o normal”. Destacou a aposta por cantores ferroláns e galegos dispostos a buscar un futuro e deixar de mirar sempre cara atrás. Así foi como Rivas comezou un discurso con críticas contundentes ao Partido Popular, ao señor Rey Varela, capaz de empaquetarnos o morto da depuradora, promover contratos para o lixo ilegais e concesións da electricidade na cidade que só beneficiaban ás empresas á costa dos nosos cartos. “Que foi capaz de escapar da cidade para agora volver co rabo entre as pernas e ofrecernos que? Máis estatuillas como o capuchoncito ou a monstruosidade que deixaron abandonada nos xardíns de Herrera que semella sacada dunha película coloreada.”

 

Aludiu tamén a Jorge Suárez como un sucesor de Rey Varela, que ten a vista posta en Madrid máis que na nosa cidade. Facendo alusión á polémica sobre os restos de Franco, que reclamaban que os sacasen do Val dos Caídos mais que aquí en Ferrol falaba de respecto á familia Franco. Destacou así a súa incoherencia e falta de compromiso coa cidade. Cunha política continuista do PP de deixar facer e de respostas como que non podemos facer máis, que é moi complicado, que agora xa está feito, etc, etc.

 

Tamén criticou ao PSOE ferrolán cos seus numerosos alcaldes cómplices do desmantelamento industrial, impulsores dese inservible Plan Ferrol que non fai máis que ocultar o desmantelamento do Sector Naval na cidade, sen actuar na raíz do problema.

 

Isto non é un espolio. Amigos e amigas en Ferrol non nos espolian, en Ferrol invádennos os ultracorpos. O lixo e a auga en mans dos chinos. As empresas auxiliares en mans de transnacionais madrileñas. Os edificios, parcelas e espazos fundamentais da cidade en mans do Estado. O tren para levarnos a Madrid e desconectarnos de A Coruña ou Moeche. FeC e o PP pedindo corvetas Saudíes para Cádiz...”

 

E concluíu a súa intervención cunha chamada á participación e reivindicación de todo o que precisa Ferrol, para que lle devolvan a Primavera roubada. En declaracións a prensa Rivas aludiu ás letras do cantante Manu Chao incitando á esperanza e denunciando que nos tiñan roubado á primavera. Nun discurso moi construtivo, no que se debuxa o único proxecto de cidade que existe a día de hoxe en Ferrol Rivas lanzou as propostas da acción das causas e colectivos que representa:

“Se queremos un transporte público para a veciñanza e non para as concesionarias, se queremos que a ría estea limpa e non ter que cargar co morto do PP e FeC, se queremos que o ADIF cumpra coas súas obrigas, se queremos que o a recollida de lixo sexa dos ferroláns e ferrolás, se queremos que o noso diñeiro se gaste en investimentos para a cidade, se queremos que os tributos sexan para todos iguais e deixe de haber privilexios, se queremos que o diñeiro non se reparta a dedo, se queremos que as rúas da cidade sexan para as persoas e non para so coches imos ter loitar! Se queredes que Ferrol teña un futuro tedes que loitar contra a inercia!

 

E pechou falando dun arquitecto brasileiro de 90 anos ao que lle preguntaban nunha entrevista se era optimista ou pesimista. El dicía que É imposible sabelo. Para sabelo primeiro hai que enfrontarse aos feitos. Iván Rivas pechaba o discurso argumentando “Nós queremos enfrontarnos aos feitos. Nin somos optimistas nin pesimistas. Somos o que somos, e seremos o que nós decidamos ser. “


Así foi como Rivas pechou este acto cunha chamada clara a implicármonos nesta cidade para traballar nun futuro afastado do desleixo e da desidia que outros partidos levan anos inoculando ao noso resistente e magoado Ferrol. Porque “Cando Ferrol esperte, este país tremerá!”

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Iván Rivas “ Vai sendo hora de que fagamos algo máis que resistir”.