Iván Rivas califica de "hipócrita" a proposta de Feijoo sobre a situación de Ferrol

Ivan Rivas
Ivan Rivas
Para Iván Rivas as palabras de Feijoo afirmando que se priorizarán investimentos na comarca por parte das consellerías implicadas despois de negalos nos orzamentos da Xunta para este ano 2021 é insistir na propaganda.
Iván Rivas califica de "hipócrita" a proposta de Feijoo sobre a situación de Ferrol

Ferrol 30 de abril de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, denunciou no día de hoxe a hipocrisía do presidente da Xunta de Galiza respecto da situación económico e social da cidade e da comarca.

 

Para Iván Rivas a actitude hipócrita do Presidente da Xunta ven avalada por múltiples razóns e lembrou que Feijoo leva enganándonos e mentindo durante anos. Así dos anuncios do Sr. Feijoó para construción de até 20 buques, previo á campaña electoral de 2012 a través do “acordo estratéxico con PEMEX”, o único que queda é un rastro de promesas incumpridas.

 

Así mesmo da fotografía co presidente de ENDESA en 2018 anunciando 220M de euros de investimento para adaptar a central á normativa de emisións da UE só queda unha central térmica pechada, sen ningunha alternativa máis que unha política colonial baseada na implantación de parques eólicos nos nosos montes para encher exclusivamente os petos das eléctricas coa complicidade da Xunta na súa tramitación.

 

Para Iván Rivas as palabras de Feijoo afirmando que se priorizarán investimentos na comarca por parte das consellerías implicadas despois de negalos nos orzamentos da Xunta para este ano 2021 é insistir na propaganda.

 

Tamén porque si para o presidente da Xunta o problema é o Estado vai sendo hora de que cuestione o marco político, estatuto incluído, de dependencia madrileña que o sustenta.

 

Non se pode ser máis cínico que cando se afirma que As Pontes se pecha por decisións do Estado, que Navantia non ter traballo por decisións do Estado ou que a ría está abandonada por decisións do Estado e ao mesmo tempo seguir avalando que sobre Navantia decida en exclusiva o Mº de Defensa e a SEPI, sobre a ría o Mº de transportes e mobilidade e sobre As Pontes o Mº de transición ecolóxica.

 

Ademais porque o Sr. Feijoó é colaborador e cómplice recurrente destas decisións do Estado, tal e como demostrou hai escasamente dúas semanas nas que en compañía do ministro de transportes foi incapaz de exixir un investimento mínimo para a renovación das conexións ferroviarias de saída da cidade e se limitou a asegurar que tras décadas de abandono “se incluirá en la agenda.” sen ruborizarse.

 

Para o BNG ademais é lamentable que desde as organizacións políticas da cidade no canto de denunciar todos estes enganos e censurar o comportamento do presidente do Goberno do Estado e da Xunta se pretenda tapar as vergonzas de PP e PSOE facendo unha chamada á unidade que non ten máis obxectivo que anestesiar a unha cidade e unha comarca que non merece gobernantes tan entregados aos intereses de Madrid e para quen non somos máis que fornecedores de man de obra barata e materias primas no mellor dos casos. Porque desde Madrid se considera Ferrol unha cidade ao servizo, onde os estaleiros destinase en exclusiva a fornecer de buques á Armada alonxados do ámbito civil desde hai décadas, onde unha muralla divide a cidade en dous e nega a conexión co mar, e onde pese a ocupar máis do 20% do solo urbano, o Estado non contribúe nin cos mínimos tributos que lle correspondería.

Iván Rivas califica de "hipócrita" a proposta de Feijoo sobre a situación de Ferrol