Ivan Rivas pide unha oportunidade para o proxecto de futuro do BNG para Ferrol
Ferrol 26 de maio de 2023. Iván Rivas, candidato do BNG á alcaldía de Ferrol, pechou hoxe a campaña electoral facendo un chamamento a votar ao BNG a todas aquelas veciñas e veciños que queren un proxecto de cidade para Ferrol diferente e de futuro pediulles que lle dean unha oportunidade ao BNG porque o BNG cre en Ferrol.
Iván Rivas, candidato do BNG, recordou que ao longo das últimas semanas ten faladoaos veciños e veciñas de solucións. De como resolver os principais problemas da cidade. Dun Ferrol verde, con transporte público, dun Ferrol orgulloso de si mesmo. Sen dependencias externas de Madrid ou de calquera outro ente ou administración que condicione o noso futuro.
Iván Rivas falou dunha cidade envexábel. Con proxectos de rehabilitación e rexeneración urbana, con espazos peonís e de encontro, unha cidade cuidada e limpa. Proxectos que poden marcar un antes e un despois no futuro da nosa cidade.
Pero Ivan Rivas lembrou que estas cousas non suceden por si soas. Requiren da nosa participación. O momento é agora e non podemos avanzar cara o futuro coas receitas do pasado.
Rivas pídelle a veciñanza de Ferrol que contraste quen aposta por máis verde e quen por máis coches. Quen ten ambición e solucións e quen ten excusas e máis do mesmo.
Rivas rematou afirmando que o BNG e el cren en Ferrol, cremos nos seus veciños e veciñas e por iso pedímoslles unha oportunidade para un proxecto de cidade diferente, unha oportunidade para o Bloque Nacionalista Galego.